O BNG evidencia as incongruencias e o escurantismo do Sr. Negreira sobre as terrazas

O BNG evidencia as incongruencias e o escurantismo do Sr. Negreira sobre as terrazas

Praza de María Pita. Terrazas.A Coruña, 7 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto as incongruencias e o escurantismo que deita o Goberno do Sr. Negreira en relación ao cobro das taxas por ocupación de espazo público das terrazas. Así, as nacionalistas fanse eco do informe da intervención xeral sobre execución do Plan de Axuste referido ao segundo trimestre, onde se sinala que, tal e como informa a Dirección de Facenda, “en el ejercicio 2014 ya se aprobará el primer padrón fiscal de terrazas cuyo período de cobro será en el último trimestre del año. La estimación del importe de este padrón más las liquidación que se hagan durante el ejercicio como consecuencia de nuevas peticiones es de 180.000 euros”. Este importe que estima a Dirección de Facenda non casa coa previsión dos orzamentos municipais de 2014, onde se recolle unha previsión de ingresos pola citada taxa de 194.175,96 euros.

Este desfase da previsión de ingresos recollida nos orzamentos de 2014 respecto dos cálculos que fai agora a Dirección de Facenda non é única. O Bloque lembra que a previsión de ingresos recollida nos orzamentos municipais de 2013 tamén era optimista de máis, pois o Goberno do Sr. Negreira calculaba un ingreso pola taxa de ocupación do solo público de 265.000 euros e, segundo a liquidación de 2013, os dereitos recoñecidos netos foron de 158.451,64 euros (mais só se ingresaran ao finalizar o 2013 un total de 21.401,02 euros).

O Grupo Municipal do BNG lembra que o pasado 12 de agosto preguntaba por escrito canto levaba ingresado até esa data o Concello da Coruña en concepto da taxa pola ocupación de solo público por parte das terrazas. O Goberno local respondeulle ao Bloque que o importe ingresado (2013 e 2014) a 25 de setembro de 2014 era de 123.157,17 euros, correspondentes a 477 terrazas. Porén, non especificou na súa resposta a que ano correspondía a cantidade. Polo que puido saber o BNG, a día de hoxe aínda non se lles cargou á meirande parte dos estabelecementos hosteleiros a taxa correspondente ao exercicio actual. Isto vén corroborar a citada información da Dirección de Facenda que sinala que o período de cobro será no derradeiro trimestre do ano.

En base a estas informacións, o Grupo Municipal do BNG salienta que o Goberno do Sr. Negreira non cobrou o previsto pola taxa de terrazas de 2013 e négase a explicar o porqué. Tampouco explica o Goberno local por que a previsión orzamentaria para 2014 non corresponde coa estimación que sinala agora a Dirección de Facenda.

O Goberno négase a responder sobre o número de estabelecementos que teñen autorización para instalar terrazas e sobre a comisión especial

Pola outra banda, en relación á batería de preguntas escritas formuladas polas nacionalistas, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira non respondeu nada sobre a comisión especial de terrazas, sobre o número de estabelecementos contan, na actualidade, con permiso para instalar terrazas, nin sobre que tanto por cento representan estas sobre o total de locais de hostalaría.

O BNG evidencia as incongruencias e o escurantismo do Sr. Negreira sobre as terrazas