O BNG emendará os orzamentos xerais para corrixir as graves eivas respecto da Coruña

O BNG emendará os orzamentos xerais para corrixir as graves eivas respecto da Coruña

A Coruña, 8 de outubro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, anuncia que os nacionalistas presentarán emendas aos orzamentos xerais para corrixir as graves eivas que conteñen as contas respecto da cidade. Carril reproba a actitude do Sr. Negreira ao negarse a negociar co "Goberno seu amigo" e renuncie á creación de emprego na Coruña. E é que os orzamentos xerais abandonan a ría do Burgo e a conexión ferroviaria de Punta Langosteira. "O Sr. Negreira débese á cidadanía coruñesa e non aos intereses do Partido Popular", lémbralle Carril.

O portavoz nacionalista considera que "non é de recibo que o alcalde aplauda a decisión do Goberno central de deixar, por segundo exercicio orzamentario consecutivo, a rexeneración da ría do Burgo sen un só céntimo". O saneamento da ría do Burgo crearía centos de postos de traballo de calidade tanto na cidade como na comarca, ademais de contribuír á xeración de riqueza.

Tampouco entende Carril que o Goberno central renuncie á construír o acceso ferroviario ao porto exterior, para o que, simplemente, se consignaron 50.000 euros. "Ao renunciar ao camiño de ferro, o PP renuncia a que Punta Langosteira conte con potenciais clientes, a que o porto exterior opere con normalidade e a que sexa un revulsivo da actividade económica da cidade e da comarca", apunta. Engade que a conexión ferroviaria é un requirimento de obrigado cumprimento por parte de Bruxelas para que o porto exterior conte con axudas europeas.

A propia Autoridade Portuaria, lembra Carril, admitiu que a falta dunha conexión ferroviaria fixo perder contratos con empresas, dados os altos custos que supón o transporte viario. O presidente do Porto explicou que o traslado do clínker a Langosteira requiriu de 1.700 traxectos de camión, cando podería realizarse con só 30 viaxes de ferrocarril.

O alcalde aínda non explicou de onde van saír os cartos para o Parrote

Pola outra banda, tamén en relación cos orzamentos, o portavoz do BNG no Concello da Coruña apunta que o Sr. Negreira aínda non explicou de onde van saír os fondos para pagarlle o agasallo a Copasa no Parrote. E é que as obras, lembra Carril, seguen sen contar con cobertura orzamentaria, xa que nin Xunta de Galiza nin Goberno central comprometeron cartos para estas actuacións.

 

 

O BNG emendará os orzamentos xerais para corrixir as graves eivas respecto da Coruña