O BNG denuncia o parón das obras que unen A Coruña con Arteixo por Feáns

O BNG denuncia o parón das obras que unen A Coruña con Arteixo por Feáns

A Coruña, 14 de setembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña, a través da súa deputada provincial Silvia Seixas, preguntou pola estrada provincial CP-0152 que comeza no Birloque e que atravesa Feáns até conectar co concello de Arteixo. E é que nas obras desta estrada non se está a traballar por parte da empresa adxudicataria e a situación de seguridade é moi deficiente e perigosa.

O BNG lembra que esta estrada é moi transitada, non conta con iluminación e está a medio facer e coa chegada do inverno a situación pode empeorar se non se actúa de xeito urxente.

Esta obra foi adxudicada á UTE Birloque-Arteixo o 5 de nadal de 2012 e no pleno da Deputación de 28 de xuño deste ano aprobouse un proxecto reformado que entre outras cousas supuña a modificación das superficies e dos bens inicialmente afectados. As nacionalistas solicítanlle información á Deputación sobre a situación actual do proxecto (expropiacións, data de finalización prevista da obra, estado de execución…).

Beirarrúas do Birloque-Martinete

O BNG lembra, ademais, que nos tramos urbanos desta mesma estrada, principalmente, no tramo Birloque-Martinete, as beirarrúas están en moi mal estado, coa conseguinte dificultade de mobilidade peonil das persoas que fan uso acotío desta vía e úrxelle ao Goberno local do sr. Negreira que presione á Deputación para que conserve e manteña en bo estado toda a sección, incluídas as beirarrúas.

O BNG denuncia o parón das obras que unen A Coruña con Arteixo por Feáns