O BNG denuncia que as oficinas da Franxa tiveron que pecharse polo fedor procedente dos baños

O BNG denuncia que as oficinas da Franxa tiveron que pecharse polo fedor procedente dos baños

A Coruña, 11 de decembro de 2014.- O BNG faise eco das queixas das persoas traballadoras e usuarias das oficinas da Franxa, afectadas polo fedor producido polos traballos de fontanería que se están a executar no edificio. E é que nestes días hai unha empresa traballando en horario laboral e de atención ao público para desatoar os váteres do edificio cos consecuentes cheiros.

O Grupo Municipal do BNG sinala que no día de hoxe tiveron que pecharse as oficinas a causa deste fedor coas consecuentes molestias para as persoas usuarias. O lóxico sería que estes traballos se realizasen en horario nocturno, mais a empresa parece alegar que pola noite non terían acceso ao edificio por non ter quen lles abrise as portas e que tampouco poden acceder ao inmoble co camión por ser unha rúa estreita con toldos e terrazas a ambos lados; cuestións estas que poden ser solucionadas polos responsábeis municipais.

Para o Bloque, o feito de que o camión desta empresa non poida chegar ao inmoble por culpa de toldos e terrazas volve pór enriba da mesa a necesidade de desenvolver o regulamento específico para este tipo de rúas. Trátase dunha zona con edificios de elementos estruturais de madeira nos que un incendio en pouco tempo podería ter consecuencias fatais se un vehículo de bombeiros non puider chegar rapidamente, como parece que imposibilita a ocupación masiva do espazo público por parte da hostalaría nestas rúas.

O BNG denuncia que as oficinas da Franxa tiveron que pecharse polo fedor procedente dos baños