O BNG denuncia que a estafa das preferentes estaba deseñada pola banca e polo PP

O BNG denuncia que a estafa das preferentes estaba deseñada pola banca e polo PP

A Coruña, 7 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG fai súas as declaracións que deu esta mañá o portavoz nacional, Xavier Vence, respecto da estafa das preferentes, da que, asegurou, “estaba claramente deseñada polo sistema financeiro e polo Goberno central do Partido Popular co obxectivo de sanear a banca”. As nacionalistas amosan a súa satisfacción por que o PP apoiara a moción do BNG para modificar a lei que estabelece as quitas. Porén, denuncian a dupla moral e a hipocrisía do Partido Popular, xa que a moción que aprobou por unanimidade o Pleno da Corporación Municipal é idéntica á proposición de lei do BNG aprobada, por unanimidade, no Parlamento de Galiza, e tombada o mesmo día polo PP no Congreso dos Deputados.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG empraza o alcalde, como presidente provincial do PP, a esixirlles aos deputados galegos do PP en Madrid que rectifiquen e revisen o seu proceder, xa que eles mesmos aprobaron a Lei 9/2012, de 14 de nove novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, que estabelece a quita, e eles mesmos votaron en contra da proposición de lei do BNG que pedía modificar esta normativa para anular a quita. Lembran as nacionalistas que un dos deputados do PP que votou a favor das quitas e que votou en contra da iniciativa do BNG foi Juan de Dios Ruano, até hai uns meses concelleiro do PP na Coruña e número cinco da lista co que o Sr. Negreira concorreu ás eleccións municipais.

As nacionalistas insisten en advertir de que a solución xusta á estafa das preferentes é doada: hai que modificar a lei, tal e como pide a moción do BNG, para garantir a devolución íntegra dos aforros, sen rebaixas nin descontos de ningún tipo, en cartos líquidos e non en produtos financeiros. Salientan, na mesma liña, que a quita supón unha expropiación forzosa a través da que o Partido Popular, que é o mesmo que na Coruña lles dá as palmadiñas nas costas ás persoas estafadas, lles fai pagar ás vítimas os abusos da banca.

O BNG denuncia que a estafa das preferentes estaba deseñada pola banca e polo PP