O BNG demándalle ao Sr. Negreira que lle esixa á Xunta a defensa de cotas dignas para o cerco

O BNG demándalle ao Sr. Negreira que lle esixa á Xunta a defensa de cotas dignas para o cerco

A Coruña, 7 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, que apoia as demandas do sector do cerco, demándanlle ao Sr. Negreira que saia na defensa dos sectores produtivos da comarca, en concreto do sector pesqueiro e lle esixa aos seus compañeiros dos Gobernos de Madrid e da Xunta de Galiza a defensa dunhas cotas dignas para o cerco.

Para as nacionalistas, o Estado español é cómplice, mentres o Goberno galego cala, admitindo uns criterios discriminatorios, ao igual que a Unión Europea, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira, e permitindo uns criterios máis políticos que sociais, abocando a frota galega á miseria.

Para o Bloque Nacionalista Galego, máis unha vez, as regras de xogo da UE son incompatíbeis coa existencia e o futuro do noso país en materia pesqueira pois a Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca, co voto favorábel do Goberno español e a conivencia da Xunta de Galiza, volveu fixar uns Topes Autorizados de Captura (TAC) claramente discriminatorios para a frota pesqueira galega. Trátase dunha decisión que pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso.

“Compartimos a indignación do sector e apostamos por un reparto proporcional e equitativo e non entregarlle os nosos dereitos de pesca ás grandes embarcacións peláxicas con maior eficacia en pescala e convertela en fariña ou exportala ata mercados internacionais provocando a ruína dunha frota como a galega, pequena, tradicional, xeradora de moitos postos de traballo e sostíbel”, sinalan as nacionalistas.

O BNG demándalle ao Sr. Negreira que lle esixa á Xunta a defensa de cotas dignas para o cerco