O BNG declina participar nos actos da constitución, por ser escravista e negar a nosa nación

O BNG declina participar nos actos da constitución, por ser escravista e negar a nosa nación

A Coruña, 1 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG non participará esta tarde no acto de conmemoración do bicentenario Constitución de 1812, por ser a primeira norma que estabeleceu o liberalismo económico e por perpetuar a discriminación de Galicia dentro do Estado español e negarlle á nación galega o exercicio dos dereitos que lle corresponden.

O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril que apela a non idealizar a constitución, sinala que os únicos dereitos individuais recoñecidos nesta eran a propiedade privada e a liberdade civil. Pon como exemplo que no artigo 92 a Constitución estabelecía que o representante político –só "home", salienta- debera ser propietario. Textualmente, segundo este artigo "... requírese ademais, para ser elixido deputado de Cortes, ter unha renda anual proporcionada, procedente de bens propios". "Isto quere dicir que o prototipo de cidadán tiña que ser propietario", apunta.

Na mesma liña, Carril afirma que a constitución tan celebrada polo PP “é descaradamente escravista”. Como mostra, refírese ao artigo artigo 5.1 "son españois... todos os homes libres nados e aveciñados nos dominios das Españas, e os fillos destes" ou o artigo 5.4., "son españois os libertos, desde que acadan a liberdade nas Españas". Tamén alude ao artigo 22, "aos españois que por calquera liña son habidos e reputados por orixinarios de África quédalles aberta a porta da virtude e do merecemento para ser cidadáns: en consecuencia, as Cortes concederá carta de cidadáns aos que fixeren servizos cualificados á patria e aos que se distingan polo seu talento, aplicación e conduta, coa condición de que sexan fillos de lexítimo matrimonio de pais inxenuos; de que estan casados con muller inxenua e aveciñados nos dominios das Españas, e de que exerzan algunha profesión, oficio ou industria cun capital propio".

Por isto, apunta Carril, "as constitucións decimonónicas españolas posteriores (1845, 1869 e 1876) eludiron referirse expresamente ao fenómeno da escravitude de ultramar, proclamando que as provincias de ultramar se rexerían por leis específicas".

O BNG declina participar nos actos da constitución, por ser escravista e negar a nosa nación