O BNG cre que a creación de prazas nas escolas infantís debe ser prioritaria

Escola Infantil A Caracola de Novo Mesoiro
O BNG cre que a creación de prazas nas escolas infantís debe ser prioritaria

Na Coruña faltan máis de mil prazas nas escolas infantís para crianzas de 0 a 3 anos.

Malia as promesas do PP, nada se fixo para solucionar este problema.

Mañá martes, día 22 de abril, ábrese o prazo para solicitar praza nunha Escola infantil municipal e como en anos anteriores o Goberno do Partido Popular segue sen ter resolto o gravísimo problema de falta de prazas de 0 a 3 anos. Así, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, nacen no Concello da Coruña algo máis de 2.000 bebés ao ano. Uns 5.000 nenos/as (os nados no 2012, 2013 e até xuño de 2014) son os usuarios potenciais das Escolas infantís públicas da cidade; unha rede que depende de 2 administracións: a rede da Xunta de Galiza ten 6 EI na Coruña  (2 delas pertencentes ao Consorcio) e as 8 municipais (as 7 que xa había e a EI Carmen Cervigón, dependente de Padre Rubinos, e que o concello incorpora á rede municipal) .

Escola Infantil A Caracola de Novo Mesoiro

Para o vindeiro curso 2014/2015, e para nenos e nenas entre 3 meses e tres anos, o Concello da Coruña ten 394 vacantes dun total de 745 prazas nas EI Municipais;  a rede da Xunta conta cun total de 498 prazas o que supón unhas 1.243 prazas en total para un censo de algo máis de 5.000 nenos e nenas, é dicir, a oferta pública só cobre o 25% da posíbel demanda, e dicimos posíbel porque nunca coñecemos as listas de espera nas EI Municipais xa que a preguntas do BNG a resposta do Goberno municipal foi “Frente a la política educativa del bipartito municipal, que no resolvía en absoluto las demandas de los ciudadanos, este gobierno municipal creará como mínimo más de 250 plazas nuevas antes de finalizar este mandato”. Así pois, para o vindeiro curso non existen “prazas novas”, o único é unha EI privada que xa existía, a “Carmen Cervigón”, que pasa á rede pública.

Para as familias que teñen menores nados neste 2014, a probabilidade de conseguir praza nunha Escola Infantil Municipal é remota, a rede municipal só ten 112 prazas para o grupo de 0 a 1 anos. E así a situación é que duns mil menores nados no primeiro semestre do ano, pouco máis dun 10% poderán ter de praza nas EI Municipais. No caso das EI da Xunta, todas elas teñen unha única aula de menores de 1 ano, en total 48 prazas para as nados en 2014.

A  construción dunha rede pública galega de centros de educación infantil de 0 a 3 anos foi un obxectivo prioritario para o anterior goberno da Xunta de Galiza que consolidou e ampliou a rede de escolas infantís públicas en toda Galiza e que deu lugar a construción das dúas últimas EI da cidade a de Monte Alto e a de Eirís, mais desde iso ningunha escola pública se construíu na cidade. Nada sabemos da que se ía construír ao abeiro do Convenio firmado entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega ou a do Educa3 aprobada en febreiro de 2011.

O Goberno Municipal segue a vender fume e falando de datos que non son reais, só ampliaron a oferta pública en 95 prazas facéndose cargo dunha EI privada que xa existía, e as familias que queiran solicitar praza na EI da Agra non poden por agora pedir praza, supoñemos porque o Goberno municipal non é capaz de garantir que estará funcionando para xaneiro de 2015. Mais cando esa escola estea aberta será a 1ª Escola infantil construída polo Goberno do Sr. Negreira, que entrou a gobernar prometendo media ducia de escolas infantís e que até este momento decidiu non construír a de Palavea, xa orzamentada polo anterior Goberno municipal, e non ampliou ningunha das construídas, aínda que existían numerosas peticións por parte das ANPAS e das familias.

O BNG cre que a creación de prazas nas escolas infantís debe ser prioritaria