O BNG considera o acto “Dillo ti” digno herdeiro das épocas do «vazquismo»

O BNG considera o acto “Dillo ti” digno herdeiro das épocas do «vazquismo»

A Coruña, 30 de xaneiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG considera que o acto celebrado esta maña no C.C.Mpal. de San Diego, o chamado Dillo ti. Conversas co alcalde e co Goberno municipal non é se non outra actividade inventada na permanente campaña mediática e publicitaria á que nos ten sometido o Goberno municipal en confronto a verdadeiras políticas de participación cidadá.

O BNG lémbralle ao Goberno municipal que a participación non pode reducirse, como está a poñer en práctica, a convocatorias á veciñanza a través dos medios de comunicación, sen concretar mecanismos ou órganos de participación

E é que as nacionalistas consideran que estas actividades, moi ben envoltas en publicidade e mercadotecnia, non concretan en ningún caso mecanismos de participación, e menos, órganos nos que a veciñanza puidera fiscalizar o labor do Goberno municipal, e onde se puideran contrastar a resolución das conclusións dos debates que se xeran, ou mesmo as actuación nos barrios e nas políticas que tanto se “louban de cambiar”. “Este tipo de convocatoria o único que pode xerar será frustración naquelas persoas que con vontade de querer facer achegas ven continuamente como as súas propostas non se efectivizan ou como os seus problemas non se resolven. Esta actuación é, en definitiva, moi digna herdeira das formas e maneiras das épocas do «vazquismo»”, sinalan as nacionalistas.

Así, o Grupo Municipal do BNG lembra que, despois de 8 meses, segue sen abrirse o debate da reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, primeiro e fundamental paso para poder dar acceso á veciñanza á toma de decisións, ou mesmo que a propia Comisión de Participación cada vez que é convocada carece de contidos, ou estes, no mellor dos casos, son dotados pola oposición para tentar que esta comisión realice algún traballo real.

Outro exemplo máis, sinalan as nacionalistas, é o que está a pasar coa elaboración dos orzamentos. “Na campaña electoral cansámonos de escoitar dicir á Marea que faría uns orzamentos participativos onde a veciñanza tería voz, mais a práctica está a demostrar todos os días que os orzamentos estannos a facer as «cúpulas» dos grupos municipais da Marea e do PSOE, sen que ninguén máis poda ter acceso a poder realizar a máis mínima achega”, denuncian.

“Chamar á cidadanía a estes actos e non facer partícipe ao movemento asociativo resulta un menosprezo, cando non un insulto, a todas aquelas persoas que despois do illamento e abandono que sufriron en épocas de Vázquez e Negreira mantiveron viva a voz da veciñanza”, sinala Avia Veira

Por último, o BNG pregúntase cal vai ser o protagonismo que lle vai atribuír o Goberno municipal ao movemento asociativo da cidade. Lembran que durante moitos anos foi precisamente ese movemento asociativo, e as persoas que traballaron nel desinteresadamente, o que mantivo viva a voz crítica da veciñanza, facendo de altofalante das persoas, dos seus problemas e da situación de abandono dos barrios. “A convocatoria de actos como o de hoxe, nos que se deixa de lado todo o traballo feito durante décadas por entidades sociais e veciñais, amosa un total desprezo a moitas persoas”, conclúe Avia Veira.

O BNG considera o acto “Dillo ti” digno herdeiro das épocas do «vazquismo»