O BNG aposta polo uso de alternativas ao vehículo privado, nomeadamente por tren e por mar

O BNG aposta polo uso de alternativas ao vehículo privado, nomeadamente por tren e por mar

A Coruña, 22 de xullo de 2015.- En relación á ampliación de Alfonso Molina, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que, para acabar coa conxestión crónica de tráfico rodado que sofre esta vía, son necesarias políticas públicas que aposten polo transporte público interurbano: a través do desenvolvemento do tren de proximidade, da posta en marcha do transporte marítimo ou reforzando o transporte colectivo por estrada. Lembra o Bloque que os últimos datos (de 2008) apuntan que máis de 145.000 coches circulan ao día por esta vía.

O Grupo Municipal do BNG considera fundamental traballar máis alá da mobilidade do vehículo privado por estrada e aposta por investir no transporte colectivo metropolitano, co fin de evitar que continúen entrando e circulando vehículos particulares na cidade. Para isto, o Bloque é partidario de mellorar o transporte público interurbano e de desenvolver un tren de proximidade en clave de frecuencia, axilidade, comodidade, boas conexións e prezo asequíbel, para que poida converterse nun auténtico servizo de interese xeral alternativo ao automóbil privado.

Así mesmo, o Bloque da Coruña propón a posta en marcha do transporte marítimo, tal e como recolle o seu programa electoral, que sería especialmente viábel e útil nunha comarca marítima como a nosa.

Por outra banda, o BNG lembra que o actual Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS) non fai unha aposta seria, real e decidida polos medios alternativos ao uso do automóbil privado para o transporte interurbano. No caso concreto do tren, só contempla un estudo dunha liña ferroviaria de proximidade para se realizar no prazo de dous anos.

O BNG aposta polo uso de alternativas ao vehículo privado, nomeadamente por tren e por mar