O BNG anuncia que presentará a moción da Comisión Aberta en Defensa do Común

Manifestación en 2016 na que se demandaba a devolución gratuíta dos terreos da Maestranza
Pegada de carteis reclamando a devolución do Campo da Estrada
O BNG anuncia que presentará a moción da Comisión Aberta en Defensa do Común

A Coruña, 23 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentará no vindeiro Pleno ordinario de abril a moción que a Comisión Aberta en Defensa do Común enviou a todos os grupos políticos e na que se insta ao Concello da Coruña a solicitar do Ministerio de Defensa a devolución gratuíta dos terreos do Campo da Estrada.

O Grupo Municipal do BNG presentará no Pleno a moción proposta pola comisión para a devolución gratuíta por defensa dos terreos do Campo da Estrada

O BNG considera que se debe impedir que o Ministerio de Defensa continúe actuando como unha inmobiliaria dedicada á especulación, xa que entenden que os terreos do Campo da Estrada, na Maestranza, “forman parte do común, son bens propios, que sempre pertenceron á cidade da Coruña desde a súa fundación, e deben ser cedidos gratuitamente ao concello da Coruña para uso público”, como moi ben sinala a propia Comisión.

O BNG asume, deste xeito, as reivindicacións e a proposta de moción que a Comisión Aberta en Defensa do Común remitiu a todos os grupos municipais e felicita aos promotores desta iniciativa

Avenida do Metrosidero no Campo da Estrada

As nacionalistas lembran que xa no anterior Pleno, celebrado este mes, apoiaron a moción presentada pola Marea Atlántica na que se instaba a cesión por parte do Ministerio de Defensa dos terreos do Campo da Estrada, mais tamén demandaban do Executivo local máis firmeza e contundencia á hora de defender os intereses da veciñanza diante da administración do Estado. Así a concelleira nacionalista Avia Veira sinalaba na súa intervención no Pleno que cumpría unha actitude máis firme do Goberno municipal, e que este debía esixir do Ministerio de Defensa a devolución inmediata sen contraprestacións do que fora un “negocio redondo comezado polo convenio urbanístico asinado en 1984 por Francisco Vázquez e culminado no anterior mandato de Carlos Negreira cando se concedeu a licenza urbanística para agrupar as fincas do Campo da Estrada”.

O BNG agarda, porén, que esta moción sexa aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais xa que logo entenden que a poxa, resolta con nocturnidade e aleivosía por un Goberno en funcións, favorece só intereses privados, que non ten nada que ver co ben común. “O ministerio de Defensa xa ten cedido gratuitamente a moitos concellos propiedades e espazos para uso público e A Coruña non pode ser menos. O Ministerio de Defensa non é unha empresa privada, senón unha institución pública ao servizo da cidadanía e debe actuar como tal, devolvendo ao pobo o que sempre foi do pobo. As posíbeis negociacións do Goberno municipal co Ministerio deberían ter, xa que logo, como obxectivo a devolución gratuíta ao Concello deses terreos, sen ningún tipo de contraprestacións”, sinala Avia Veira.

Por último, o Bloque felicita ás persoas que tomaron a iniciativa de constituír esta comisión cidadá e o traballo que está a desenvolver e comparte o manifesto da comisión e o obxectivo de impedir a poxa dos terreos e conseguir a devolución gratuíta dos espazos comunais do Campo da Estrada

É por iso que o BNG invita a todas as entidades da Coruña a apoiar as iniciativas e actividades que programe a Comisión Aberta en Defensa do Común, e comprométese a participar na Asemblea aberta por esta convocada para o 31 de marzo e na concentración convocada para o 7 de abril.

O BNG anuncia que presentará a moción da Comisión Aberta en Defensa do Común