O BNG advirte de que o PP trata de agochar a súa mala xestión reflectida na conta xeral

O BNG advirte de que o PP trata de agochar a súa mala xestión reflectida na conta xeral

A Coruña, 6 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG sinala que a Conta Xeral que se vai debater este luns é o reflexo contábel da acción do Goberno do PP e que amosa o deterioro económico do Concello, co incremento da débeda en 79, 5 millóns de euros e a diminución dos ingresos nun 75%, así como o aumento da presión fiscal.

Son unha burla ás coruñesas as declaracións dos membros do goberno municipal cando afirman que a execución do orzamento de 2012 foi boa, polo feito de que non recibira alegacións a Conta Xeral de 2012

Sobre este aspecto os nacionalistas queren apuntar que a Conta Xeral é un conxunto de documentos contables nos que se recolle a contabilidade do Concello da Coruña a 31 de decembro de 2012, polo que, salvo que o documento tivese eivas legais ou contábeis -que non é o caso- no BNG aínda non contan cunha máquina do tempo que lles permita levar ao goberno municipal ao 2012 e así executen todo o que deixaron sen gastar. Por esta razón, din as nacionalistas, o Bloque Nacionalista Galego, presenta alegacións a aqueles documentos contábeis nos que se recolle unha execución prevista no futuro (modificativos de crédito ou orzamentos) e na que os nacionalistas poden propor alternativas de gasto á desfeita de xestión do PP. Neste caso- unha Conta Xeral- só vén a recoller o non facer e o despilfarro do PP.

As nacionalistas lembran que a conta evidencia que non hai recursos municipais para financiar os gastos ordinarios, de aí que o Goberno acudira a vinte e tres operacións de empréstito o pasado ano, operacións que endebedan máis ao Concello. A débeda real, advirten, é moito maior que os 79,5 millóns, pois non se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 que, de contabilizarse, suporía unha maior débeda.

Ademais, a conta desenmascara a farsa dos tres modificativos de crédito aprobados polo Partido Popular ao longo do pasado ano e reflicten que a grande execución e boa xestión da que fala o Partido Popular cae por si soa.

Así en Servizos Sociais, na partida de contratación de prestación de servizos sociais (5123322723) deixaron sen gastar un millón, a pesar de que no modificativo de crédito aumentaron 140.634 euros. En emprego, a partida de cursos de formación de emprego(6024122619) ten un remanente 232.925 euros. Unha partida que tiña de orzamento inicial 843.786 euros á que se lle engadiron 207.000 euros nun modificativo. En comercio, a partida6043122618, referida ao plan de dinamización do comercio local, cun orzamento de 700.000 euros, o verdadeiramente gastado foron 332.211 euros. En Educación, a partida de Proxectos Complexos de Educación cun orzamento inicial de 328.000 euros, que logo se incrementou en 165.000 máis, quedou todo sin gastar. Ou a partida de obras de reparación de centros de ensino nas que quedaron 200.000 euros sen gastar. En Deportes, cun orzamento inicial da partida de rehabilitación de instalacións deportivas (5234263206) de 709.047, á que se lle engadiron nun modificativo 12.368 euros e deixáronse sen gastar 678.616 euros. Ou no Plan Urban C, no que os 127.128 euros para o plan de dinamización urbana C (6043122737) quedou sen executar todo.

Estes son só uns exemplos do xeito de gobernar do PP. O "facer que se fai" movendo grandes cantidades dunha partida para a outra, que logo queda sen executar. Para as nacionalistas, esta é unha demostración de que tanto polo ámbito que atenden como pola súa capacidade de dinamización da economía, xa que son cantidades importantes sen gastar, non é certa a suposta blindaxe en determinadas áreas así como en investimentos.

O BNG advirte de que o PP trata de agochar a súa mala xestión reflectida na conta xeral