Con "bebés" no colo, plumeiro, ferros de pasar... as mulleres do BNG piden emprego

Con "bebés" no colo, plumeiro, ferros de pasar... as mulleres do BNG piden emprego

Performance feministaA Coruña, 14 de decembro de 2013.- O Obelisco converteuse na mañá de hoxe nunha oficina de emprego con mulleres que se dirixían a ela a selar a tarxeta do paro. Non faltaron bonecos a modo de bebés no colo, ferros de pasar e camisas engurradas, plumeiros para sacar o pó, potas, a caixa da costura ou a vasoira. Tamén puido verse un mandil coa frase “traballo imprescindíbel e unisex”. A través dunha performance, a comisión de Acción Feminista do BNG e de Galiza Nova visibilizaron o paro feminino, que cada vez é máis alto na nosa cidade respecto dos homes (do total de 23.196 persoas no paro, 12.272 son mulleres e 10.924 son homes), a precarización que sofren as mulleres e o traballo invisíbel e non remunerado que realizan no fogar, unhas tarefas que o sistema patriarcal lles adscribe ás mulleres.

DSC_5341Con este acto visual, o BNG da Coruña e Galiza Nova da Coruña denunciaron que os recortes do PP, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta de Galiza, provocan máis desigualdades entre homes e mulleres, o aumento do desemprego feminino, a precarización laboral das mulleres e, de xeito parello, o seu traballo invisíbel na esfera doméstica e feminizan da pobreza. As nacionalistas advirtiron de que detrás de todas as medidas do PP (lei da familia, inminente derrogación da lei do aborto, a reforma laboral e os recortes en servizos sociais) está o afán por recuperar unha sociedade onde as mulleres fiquen na casa.

DSC_5330A Comisión de Acción Feminista do BNG e de Galiza Nova puxeron de manifesto con esta performance que as mulleres son as máis afectadas polos recortes do estado de benestar e dos servizos públicos. Salientaron as nacionalistas que, cando se recorta e se empeora o funcionamento da educación, da sanidade e da atención á dependencia, son as mulleres as que se ven na obriga de asumir ou de ter que compensar ese déficit, incrementando a carga de traballo non remunerado no fogar para garantir o benestar do ámbito familiar.

Con "bebés" no colo, plumeiro, ferros de pasar... as mulleres do BNG piden emprego