Aval do Parlamento a unha proposta do BNG para transferir o Oceanográfico á Administración galega

Exterior do Centro oceanográfico na Coruña
Exterior do Centro oceanográfico na Coruña
A proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista Mercedes Queixas acadou o apoio unánime da Comisión de pesca realizada o venres 4 de decembro no Parlamento galego.
Aval do Parlamento a unha proposta do BNG para transferir o Oceanográfico á Administración galega

Tras o debate da iniciativa, O BNG transacionou unha emenda co Parido popular ao fin de que prospera o texto  nos seguintes termos, O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:

1.- Emprender, de xeito inmediato, a comunicación e xestións precisas co goberno do Estado para iniciar o procedemento  para o traspaso de competencias, previo saneamento e reartellamento organizativo do Instituto Español de Oceanografía, da totalidade da xestión económica e administrativa dos centros de Oceanografía en Galiza para que pasen a formar parte da estrutura da propia Xunta.

2.- Instar o Ministerio de Asuntos económicos a que mentres non se dea un traslado das competencias plenas se inicie un proceso de colaboración entre a Xunta de Galiza, os centros e infraestruturas do IEO con sede en Vigo e  A Coruña para seren xestionados, segundo as necesidades do sector marítimo pesqueiro  galego e da Administración autonómica e sempre en colaboración coas restantes CC.AA, organismos e entidades investigadoras internacionais

Para a nacionalista, “a investigación é un elemento clave para promover e impulsar o sector da pesca galega e da industria que depende del. Achega coñecemento en materia de especies pesqueiras e competitividade á actividade marítimo-pesqueira”.

No mes de xullo deste ano, lembrou a deputada, o Ministerio de Ciencia e Innovación confirmaba a súa decisión de “reformar e reestruturar” o Instituto Español de Oceanografía e “solventar os graves problemas de xestión que vén arrastrando dende hai anos” acabando por o afogar financeiramente. Nese momento,  anunciaba que “estamos dando os pasos necesarios para que se converta en Centro Nacional dentro da estrutura da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas”, pero esta decisión non foi traslada ao Consello Reitor do IEO.

50 anos traballando para mellorar a xestión pesqueira

O traballo do IEO nos  centros de Vigo e A Coruña, engadiu Mercedes Queixas, desenvolve unha actividade fundamental para o sector pesqueiro dende hai nos 50 anos e, de feito, moitas das melloras rexistradas na xestión pesqueira en todo o mundo son  “resultado do traballo investigador desenvolvido polos científicos e científicas  do IEO”.

Dende o anuncio do Ministerio de Ciencia e Innovación, sucedéronse as peticións de reconsideración da súa decisión, dende os propios traballadores e traballadoras do IEO até o sector pesqueiro galego. A propia conselleira do Mar ofreceu a súa colaboración para “encauzar o rumbo do organismo”, pero o goberno galego, a pesar de contar co aval dos acordos parlamentares, “non traballou” para acadar a transferencia.

No ano 2018, sinalou  a nacionalista, o BNG presentou de novo unha iniciativa tamén aprobada por unanimidade para  “demandar do Estado español o traspaso de competencias”, porén nada se ten avanzado nesta liña. Mentres o Ministerio continúa coa súa decisión unilateral, “o colapso financeiro segue sen solución, seguen as débedas pendentes de pago do ano 2019 e deste 2020 e os directores actuais dos centros seguen sen poder realizar labores de mantemento nin comprar material”.

A parlamentaria do BNG concluíu a súa intervención asegurando que o BNG estará vixilante para garantir o cumprimento do acordo “unánime” acadado no Parlamento galego.
Aval do Parlamento a unha proposta do BNG para transferir o Oceanográfico á Administración galega