A Autoridade Portuaria preitea contra o Concello (e perde) por xirarlle o IBI de anteriores Gobernos

A Autoridade Portuaria preitea contra o Concello (e perde) por xirarlle o IBI de anteriores Gobernos

ConcelloA Coruña, 22 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG salienta que o Concello da Coruña lle está a pagar a Autoridade Portuaria substanciosas cantidades de cartos públicos que non lle correspondería por obras que están en ámbito do Porto, como o túnel do Parrote, á vez que a Autoridade Portuaria preitea (e perde) contra o Concello por xirarlle un imposto. Así se evidencia nunha sentenza do Tribunal Supremo (que achegamos xunto á nota): a Autoridade Portuaria preiteou contra o Concello da Coruña por xirarlle o Imposto de Bens Inmobles (IBI) de Gobernos anteriores ao PP (o Goberno do Sr. Negreira conxeloulle o IBI á Autoridade Portuaria o ano pasado, aforrándolle máis de un millón de euros).

O caso, expón o BNG, vén de anos atrás, con anteriores Gobernos municipais. Porén, este mesmo ano, a Autoridade Portuaria tivo a oportunidade de desistir da súa loita contra o Concello polo pagamento do IBI de anos atrás e non o fixo. E é que en providencia de 20 de marzo de 2013, requiríuselle que acreditase que a contía da cota do IBI correspondente aos bens do Porto execedía de 150.000 euros. Nese momento, en plena relación idílica co Sr. Negreira, a Autoridade Portuaria puido renunciar a seguir preiteando contra o Concello e non o fixo. Así, o 15 de abril de 2013, a Autoridade Portuaria contestaba, mediante un escrito, ao requirimento e achegaba copias de recibos do IBI.

O Grupo Municipal do BNG ironiza con este “agradecemento” da Autoridade Portuaria aos agasallos do Goberno municipal. En plena relación idílica entre o Sr. Negreira e o Sr. Losada, este último decidiu seguir adiante co preito. Nin os agasallos do Goberno municipal no Parrote e na Mariña lle fixeron desistir de actuar contra o Concello.

A Autoridade Portuaria preitea contra o Concello (e perde) por xirarlle o IBI de anteriores Gobernos