PLENO DO XOVES 7N

Apoio ás mocións contra a violencia machista e sobre o drama da emigración e os terreos de Defensa

20191107_100005
Avia Veira e Francisco Jorquera, á súa chegada ao salón de plenos.
O Pleno do Concello da Coruña deu luz verde este xoves 7N ás mocións do BNG sobre o drama “social e nacional” da emigración, contra a violencia machista e a prol da devolución gratuíta á cidade dos terreos en desuso do Ministerio de Defensa.
Apoio ás mocións contra a violencia machista e sobre o drama da emigración e os terreos de Defensa

A moción sobre a emigración recibiu os votos favorábeis dos grupos municipais do PSOE, Ciudadanos e Marea Atlántica, en tanto que foi votada en contra polo PP. A iniciativa contra a violencia machista foi aprobada por unanimidade, mentres que o texto a prol da devolución ao concello dos soares en desuso de Defensa obtivo o voto dos grupos proponentes –ou sexa, BNG e Marea- e colleitou as abstencións de PSOE, PP e Cs. 

A primeira das mocións en ser defendida versou sobre a emigración como fenómeno que castiga Galiza quer do ponto de vista social quer do nacional. Apresentouna perante o pleno o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen explicou que o texto daba traslado dunha iniciativa da plataforma soberanista e galeguista Vía Galega posta a disposición de todos os grupos municipais e que só o BNG fixo súa como moción propia.

“Vivimos nunha época na que a linguaxe política está inzada de eufemismos para encubrir ou desvirtuar realidades absolutamente sangrantes”, analizou Jorquera. Os eufemismos aplicados á emigración tenden a presentar este fenómeno como unha circunstancia “natural ou mesmo positiva”, cando en realidade, e alén do duro impacto individual e familiar, constitúe un “auténtico drama social e nacional”, denunciou o portavoz nacionalista.

Ese drama ilustrouno Jorquera con datos. “Nos últimos 10 anos emigraron de Galiza máis de 200 mil persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 54 anos, idades nas que se concentran a maior parte das persoas demandantes de emprego. Delas case 80 mil menores de 29 anos”, pormenorizou.

“Nos últimos 10 anos emigraron de Galiza máis de 200 mil persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 54 anos"

Pero hai máis: a mediados do século XIX a poboación da Galiza representaba 11,5% do total estatal, mentres que en 2018 apenas alcanzaba 5,75%. “Por primeira vez desde que hai rexistros, a densidade de poboación do país situouse por baixo da media estatal”.

Todo isto non obedece a unha praga bíblica e si a factores políticos, económicos e históricos, á forma en que o noso país ficou inserido no Estado. “A condición periférica e subordinada da nosa economía, a destrución de parte importante da nosa base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación”, razoou Jorquera.

Avia Veira defendeu a segunda moción do BNG nesta sesión plenaria, a relativa ao combate contra a violencia machista. En primeira instancia a concelleira nacionalista comezou por desbotar unha emenda proposta polo PP, a quen afeou o seu cinismo por aparecer preocupado por este asunto cando logo mantén acordos “coa ultradereita negacionista”.

Na súa intervención, a concelleira nacionalista relatou que “historicamente a violencia ten sido minimizada, ocultada e invisibilizada” e que, felizmente, “nos últimos anos asistimos a mobilizacións históricas na Galiza que dan cumprida conta da fartura diante dunha situación que é insostíbel”.

Avia Veira relatou que “historicamente a violencia machista ten sido minimizada, ocultada e invisibilizada”

Ten habido un moi significativo avanzo na conciencia social sobre a violencia machista, mais “fica moito por facer”, remarcou Veira. “É clave aumentar os recursos dispoñíbeis e é clave tamén visibilizar todo tipo de violencias machistas”, dixo ao tempo que dedicou críticas a un poder xudicial insensíbel perante as agresións de que son obxecto as mulleres tal e como recentemente veu á tona coa sentenza sobre a violación múltiple sufrida por unha menor de idade a mans da chamada Manada de Manresa.

No concreto, e entre outras medidas, no apartado dispositivo a moción do BNG insta o concello a que se dirixa á Xunta para que se encamiñen recursos suficientes aos Centros de Planificación e Orientación Familiar quer do Ventorrillo quer de Orillamar, ben como para que se destine no mínimo 1 por cento do orzamento da Administración galega ao combate contra a violencia machista.

No ámbito das competencias estatais, a moción empraza o concello a que demande do Goberno central que no marco legal introduza o concepto de consentimento “para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, ben como a consideración destes delitos como delitos de carácter público”.

A terceira e última das mocións defendidas polo BNG tiña como argumento a devolución ao concello dos soares e instalacións do Ministerio de Defensa que neste momento se achan en desuso ou están infrautilizados.

O marco desta cuestión situouno Jorquera no Acordo de Investidura asinado en xuño pasado polos grupos municipais do BNG e do PSdeG que viabilizou a chegada de Inés Rey á Alcaldía. Naquela altura o partido que goberna en María Pita comprometeuse con clareza a demandar do Estado a cesión gratuíta dos soares e instalacións en desuso. “Non pedimos que nos regalen nada. Pedimos que nos devolvan o que foi do pobo da Coruña”, dixo Jorquera na súa intervención perante o pleno.

O marco da moción sobre a devolución dos terreos de Defensa situouno Jorquera no Acordo de Investidura asinado en xuño pasado polos grupos municipais do BNG e do PSdeG que viabilizou a chegada de Inés Rey á Alcaldía

Lembrou que esta moción responde a unha iniciativa da Comisión en Defensa do Común e para xustificar a petición da restitución gratuíta ao concello deslizou un apuntamento histórico: “Os terreos do Campo da Estrada eran comunais e xa en 1840 e 1858 o concello da Coruña demandaba a súa devolución”. Jorquera pediu tamén “igualdade de trato” para A Coruña. En Barcelona e Madrid, alegou, Defensa e a Coroa entregaron a esas cidades terreos como os da Ciutadella ou o Parque do Retiro.

“Defensa ten que deixar de buscar escusas para encubrir un pelotazo urbanístico con terreos que fan parte do noso patrimonio. E a Xunta ten que implicarse, é a administración competente para protexer o noso patrimonio”, dixo.

O grupo municipal socialista optou pola abstención, o que a efectos prácticos o afasta do contido do acordo de investidura asinado en xuño co BNG. Ao máis que se comprometeu o concelleiro de Urbanismo, Juan Villoslada, foi a intentar reducir ao máximo a edificabilidade nos soares da Maestranza, con medidas de protección para aqueles terreos onde podan existir restos arqueolóxicos.
 

Apoio ás mocións contra a violencia machista e sobre o drama da emigración e os terreos de Defensa