Ao programa das festas só lle faltou a foto dos Beatles en Abbey Road

Ao programa das festas só lle faltou a foto dos Beatles en Abbey Road

A Coruña, 28 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que ao Goberno do Sr. Negreira só lle faltou poñer a foto dos Beatles en Abbey Road para ilustrar os programas de festas de María Pita e como imaxe do material gráfico que colocou ao longo da cidade. E é que o Goberno do Sr. Negreira non contratou a gran parte dos e das artistas cuxas imaxes protagonizan os programas das festas.

As nacionalistas celebran que o Goberno local empregue fotografías de músicos e músicas vinculadas coa Coruña para vender cara ao exterior o seu talento pero lamentan que quen gasta máis de dous millóns de euros non sexa capaz de buscarlles o oco real no programa, que sería no espazo de programación. As imaxes coas que o Goberno do Sr. Negreira ilustrou os programas confundiu a cidadanía ao ver nas carátulas a Luar na Lubre, Carla de Figueredo ou Radio Cos e ao non poder atopar no programa o día e a hora das actuacións, pois simplemente non actuaron.

As festas de María Pita custaron máis de 2 millóns

O Grupo Municipal do BNG denuncia, unha vez máis, os máis de 2 millóns de euros gastados polo Goberno do Sr. Negreira nas festas de María Pita. E é que aos 1,68 millóns recollidos no expediente incompleto do IMCE ao que tivo acceso o BNG hai que sumarlle as actuacións das que o Goberno local segue a ocultar os custos: Gala de Maxia Robert Houdin, os 18 pases das noites de cine, Amizades, Xacarandaina, o Festival de Música Electrónica, o Festival Independente de Rock Coruñés, Donaire, Cantabile, Aturuxo, Tuna de Veteranos, Cantares Gallegos, Canticórum, Cántigas da Terra, Follas Novas, Albéniz, Liceo la Paz, Orfeón Herculino, Coro Sancta María Maris ou La Trova Coruñesa.

Á marxe destes gastos do IMCE, o Concello aínda pon máis cartos para as festas de María Pita a través do Consorcio de Promoción para a Música, da Banda Municipal de Música e da Escola Municipal de Música e paga o laminado en madeira do escenario de María Pita. Ademais, hai que contemplar o resto dos cartos que achegan outras Concellarías e da propia Alcaldía. De aí que as nacionalistas calculen que o gasto nas festas de María Pita 2014 supere os 2 millóns de euros.

Ao programa das festas só lle faltou a foto dos Beatles en Abbey Road