UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENOXUÑO DO 2X

Un ano despois da súa aprobación, o BNG avalía como "moi desigual" o cumprimento da Ordenanza do Galego

20200302_114809
Hai xusto un ano, e por impulso do BNG, o Concello da Coruña dotábase por fin dunha Ordenanza reguladora do uso do galego. Púñase así fin a unha anomalía, porque até ese momento A Coruña era a única gran cidade do país que carecía dunha norma nesa materia.
Un ano despois da súa aprobación, o BNG avalía como "moi desigual" o cumprimento da Ordenanza do Galego

“Baixo o noso punto de vista, a Ordenanza do Galego estase a aplicar de xeito moi desigual”, avalía a concelleira do BNG Avia Veira. “Así, na meirande parte das ocasións”, exemplifica, “a alcaldesa si emprega o galego, mais iso non acontece con outros membros do Goberno Local ao exerceren as súas funcións representativas, mesmo en actos coa Real Academia Galega”.

Do mesmo xeito que servizos municipais como Informática, “e parabenizámolo por iso”, si empregan o galego de forma habitual, hai publicacións editadas polo Concello que non utilizan a lingua propia do País.

“Vemos incumprimentos que mesmo parecen unha burla, como o feito de que a comunicación do Morriña Fest –un evento no que colabora o Concello e que se vai realizar en infraestruturas municipais- estea toda en castelán”, denuncia Veira.

As disposicións da Ordenanza que non se están a materializar teñen a ver tamén coa formación do persoal do Concello e tamén coa información aos consorcios, aos entes dependentes da Administración local e ás empresas municipais sobre o necesario cumprimento dunha norma que o que pretende é a plena normalización da lingua galega.

Fican tamén pendentes campañas para “animar a xente a falar galego” ou para empregalo como “ferramenta de integración para as persoas que veñen de fóra”. Destacan tamén pola súa ausencia accións como premiar os negocios que empregan o galego e así incentivar o seu uso por parte daqueles que aínda non o utilizan, conclúe Veira.

 

Un ano despois da súa aprobación, o BNG avalía como "moi desigual" o cumprimento da Ordenanza do Galego