MULTITUDINARIA MANIFESTACIÓN PARA BLINDAR O NOSO PORTO DA ESPECULACIÓN INMOBILIARIA

#ACoruñaNonSeVende, un clamor imposíbel de desouvir

Manifestación A Coruña Non Se Vende. 31 de maio de 2021.
Manifestación A Coruña Non Se Vende. 31 de maio de 2021.
Foron por volta de 3.500 persoas as que este domingo, protagonizaron unha manifestación masiva polas rúas da cidade, máis multitudinaria se cabe se temos en conta que aínda continuamos en pandemia. Foi un clamor imposíbel de desouvir, un berro colectivo en defensa do porto da Coruña, que é tanto como dicir en defensa do corazón da cidade. Estivo Ana Pontón -acompañada polo noso portavoz no Congreso, Néstor Rego- e non estivo, en rechamante contraste, Inés Rey. "Non podemos conformarnos cunha moratoria da débeda. A cidadanía quere a condonación", díxolle aos medios Francisco Jorquera. "Por que a Valéncia si se lle perdoa a débeda e A Coruña, non?", perguntou a voceira nacional.
#ACoruñaNonSeVende, un clamor imposíbel de desouvir

Reunir por volta de 3.500 persoas nun contexto aínda marcado pola pandemia representa un suceso de convocatoria que con moito ultrapasou as expectativas das máis de 70 organizacións convocantes, entre elas o Bloque Nacionalista Galego. "Queremos desde o BNG parabenizar a organización. Fixo un grande traballo, non só hoxe, co despregamento das medidas de seguranza que nos impón a actual situación sanitaria, senón nos días previos á realización da manifestación. Sen ese traballo hoxe non terían saído á rúa miles de persoas", dixo na antena de Radio Coruña Avia Veira.

Ana Pontón, Francisco Jorquera e Néstor Rego. Manifestación A Coruña non se vende. 30 de maio de 2021.

"Inés, escoita, estamos en loita" e "non, non, non á especulación" foron algúns dos cánticos que se corearon durante a marcha, que percorreu as rúas da cidade desde a Palloza até María Pita, nun ambiente festivo, adubiado pola rebuldeira música do cuarteto de Cántigas da Terra, auténticos ourives do noso folclore.

Ana Pontón atende os medios. Manifestación A Coruña Non Se Vende. 31 de maio de 2021.O "Medre o Mar!" de Xurxo Souto, como mestre de cerimonias xa en María Pita, non podía faltar nunha marcha en defensa da Cidade Barco que somos. A leitura do manifesto que puxo ramo á mobilización correu a cargo de Teresa Ramiro, mariscadora e poeta; Marta Pérez, da Asociación Socio-Cultural Campo de Pena de Palavea; Torcuato Teixeira, vicepresidente da Lonxa da Coruña; e o xornalista e presidente de Foro Cívico, Antón Luaces.

Mercedes Queixas e Avia Veira. Manifestación A Coruña Non se Vende. 31 de maio de 2021.

Condonación da débeda -por dignidade, non podemos conformarnos con menos do que o Estado lle concedeu a Valéncia-, licitación xa do enlace ferroviario a Punta Langosteira -co compromiso do Estado de disponibilizar os recursos precisos por se finalmente a UE nega os fondos Next Generation- e constitución dun Consorcio liderado polo Concello para o deseño da nova fachada marítima son as liñas mestras do que cómpre facer para blindar o porto de calquera tentación especulativa e para garantir que continúe a ser o motor económico e produtivo da nosa cidade.

Manifestación A Coruña Non Se Vende. 31 de maio de 2021.

"Se realmente a alcaldesa comparte estas reivindicacións faise difícil entender a súa ausencia nesta manifestación", apuntou en Radio Coruña Avia Veira. Inés Rey, mal por lle virar as costas á veciñanza da cidade e non estar nesta mobilización masiva. Mais o PP tampouco moito mellor. "Que sentido ten ofrecer diñeiro desde a Xunta da Galiza para mercar terreos que xa son públicos?", preguntouse Francisco Jorquera. "O lóxico sería que eses terreos, no seu tempo gañados ao mar, fosen devoltos gratuitamente ao Concello", engadiu. "Esta cidade defendeu historicamente os seus bens comúns. Cando se fixo o recheo e se gañaron espazos públicos para o porto, ningún particular se enriqueceu. Hoxe estou convencida de que as veciñas e os veciños da Coruña impedirán que se dea un pelotazo no corazón da cidade", concluíu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

 

 

#ACoruñaNonSeVende, un clamor imposíbel de desouvir