ACCESIBILIDADE

Accesibilidade xa! Visitamos hoxe a Delegación da ONCE en Galiza

Un dos momentos da visita de Ana Pontón e Avia Veira á Delegación da ONCE
Un dos momentos da visita de Ana Pontón e Avia Veira á Delegación da ONCE

Propoñemos unha comisión parlamentaria sobre discapacidade que dea voz a todos os colectivos que traballan pola integración

Ana Pontón ven de defender un pacto en accesibilidade e políticas de inclusión social que teñan como clave o emprego das persoas con diversidade funcional na súa visita hoxe á delegación da ONCE en Galiza

Accesibilidade xa! Visitamos hoxe a Delegación da ONCE en Galiza

Propoñemos a creación dunha comisión parlamentaria sobre discapacidade que teña carácter permanente e poda “dar voz” a todos os colectivos e asociacións que traballen a favor da integración social das persoas con algún tipo de diversidade funcional. Esta proposta, que trasladaremos ao resto dos grupos da Cámara, recolle a petición expresa formulada por entidades de longo percorrido social como a ONCE, con cuxa dirección territorial en Galiza se reuniu hoxe coa nosa portavoz nacional, Ana Pontón, xunto coa nosa portavoz municipal, Avia Veira.

 Imos defender que se cree esta comisión permanente, tendo en conta que neste momento o Parlamento só ten en marcha unha comisión de estudio sobre discapacidade, que esperamos teña o informe de conclusións listo neste ano para poñer o foco nos problemas e nas solucións á problemática das persoas con necesidades especiais.

No encontro co delegado territorial da ONCE, Manuel Martínez, e co presidente do Consello territorial, Carlos Fernández, tamén se abordou o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade, que deixa en situación de “indefensión” ás persoas con algún tipo de discapacidade, temporal ou permanente, e tamén ás persoas maiores nun país cunha poboación moi envellecida.

As leis non se cumpren, nin sequera en aspectos tan concretos como a eliminación de barreiras arquitectónicas e propomos un grande acordo entre todas as partes implicadas como os colectivos sociais afectados, os profesionais da arquitectura e do urbanismo, as forzas políticas e as administracións públicas para facer realidade o que está recollido na normativa de accesibilidade,  e  conseguir unha sociedade máis inclusiva.

De feito, advertimos contra a creación de novas barreiras como pode ser a fenda causada polas novas tecnoloxías, senón se ten en conta aos colectivos con necesidades específicas como é o caso das persoas cegas ante o uso cada vez máis estendido de pantallas informativas sen elementos sonoros. Isto fai que, por exemplo, unha situación tan común como a información de cando che toca entrar á cita médica sexa un problema para unha persoa invidente, e solucionar este tipo de situacións tan importantes na vida cotián é unha cuestión de vontade política.

Para iso, “é preciso sensibilidade social e recursos económicos para proceder á supresión das barreiras arquitectónicas, porque é posible como demostran exemplos como o de Pontevedra. O digo sen autocompracencia pero con orgullo porque nesta cidade o BNG demostrou que se pode recuperar un entorno urbano desde a integración e a accesibilidade”, subliñou a nosa portavoz nacional Ana Pontón logo desta reunión.

 

Auditoría da integración laboral

Outro dos aspectos abordados na reunión foi a inclusión laboral como elemento clave para acadar unha integración social das persoas con algún tipo de discapacidade. Neste sentido, propoñemos realizar unha auditoría para determinar o grado de cumprimento da lexislación nesta materia, ademais de propoñer que todas as políticas de inclusión teñan como peza fundamental o acceso ao emprego das persoas con diversidade funcional.

O acceso ao emprego é unha maneira de construír unha sociedade na que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades e desenvolver os proxectos vitais con normalidade.

 

Santiago de Compostela, 16 de Febreiro 2018.

Accesibilidade xa! Visitamos hoxe a Delegación da ONCE en Galiza