Carril: "Intervir a concesión de Albada sería máis beneficioso e menos prexudicial para o Concello"

Carril: "Intervir a concesión de Albada sería máis beneficioso e menos prexudicial para o Concello"

A Coruña, 26 de setembro de 2013.- O BNG da Coruña inicia hoxe unha serie de charlas abertas ao longo da cidade para debullar a estafa social da reciclaxe do lixo, uns actos en que participarán o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, membros do Comité de Empresa de Albada e mais toda a veciñanza interesada. A primeira das charlas terá lugar esta tarde, ás 20h, no CEIP Curros Enríquez de Monte Alto.

En declaracións aos medios antes de comezar un reparto de material informativo sobre a planta de Nostián, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, sinalou que “nestes actos abertos a toda a cidadanía trataremos a necesidade de que o Goberno municipal faga públicas as auditorías técnica e económica de Albada para evidenciar publicamente os incumprimentos por parte da empresa porque, entre outros motivos, a veciñanza está a pagar un servizo, o da reciclaxe, que non está a recibir”.

“Ademais, imos insistir na necesidade de que o Goberno do Sr. Negreira interveña administrativamente ou secuestre a concesión, co fin de que a explote de maneira directa e temporal, que sería por conta e risco da propia empresa”, salientou Carril. “A finalidade non é outra que o restabelecemento da prestación do servizo de xestión e tratamento do lixo nunhas condicións de normalidade”, engadiu. Na mesma liña, puxo de manifesto que o BNG insistirá na posibilidade de rescindir o contrato, dados os incumprimentos dunha empresa que é concesionaria dun servizo público.

O Goberno municipal ten que explicar o non a intervir administrativamente a concesión, xa que sería todo beneficios para o Concello

En resposta á preguntas dos medios sobre a negativa do Goberno do Sr. Negreira a intervir administrativamente ou secuestrar a concesión, Carril advertiu de que “a reacción do Goberno municipal é a esperada, mais o importante é que lle explique e lle xustifique á cidadanía os motivos polos que non vai intervir a concesión, tendo en conta que sería máis beneficioso e menos prexudicial para o Concello”.

Así, lembrou que o secuestro da concesión non suporía prexuízo ningún para as arcas municipais, na medida en que os medios persoais e materiais desde a explotación directa por parte do Concello serían os da propia empresa e o Concello nomearía un interventor, pagado por Albada, que substituiría os propios directivos da planta. Tamén lembrou que cando o Concello decidise devolver a concesión ou no seu caso rescindila sería Albada a que lle pagaría ao Concello os danos e prexuízos, así como todos os custos económicos.

Mentres non faga públicas as auditorías, o Goberno municipal non é críbel

Por último, sobre as declaracións do edil de Medio Ambiente nas que afirmaba que Albada recicla a porcentaxe correcta, Carril sinalou que “o Goberno non é críbel nas súas afirmacións porque non veñen fundamentadas nas propias autorías”. “A mellor maneira de aclarar a situación é facendo públicas as auditorías, que é o que o Goberno municipal non quere”, engadiu. Salientou, ademais, que “mentres non se fagan públicas as auditorías, o Goberno municipal non é críbel” e lembrou que os traballadores aseguran que en Nostián non se está a reciclar o que corresponde.

 

Carril: "Intervir a concesión de Albada sería máis beneficioso e menos prexudicial para o Concello"