Bravo denuncia que o Concello non cedeu ningún terreo para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

Bravo denuncia que o Concello non cedeu ningún terreo para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

A Coruña, 28 de maio de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que, ao contrario do que afirma a Consellaría de Educación, o Concello non lle cedeu nin doou ningún terreo para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán. De feito, as obras acometeranse en terreos do propio centro de ensino. “Esperemos que a Xunta de Galiza saiba ben onde ten que facer as obras”, ironiza Bravo, quen alude aos erros que contiña o Estudo de Detalle destas actuacións, máis dunha vintena de faltas advertidas polos técnicos municipais.

Ademais, a concelleira do BNG sinala que a obra “chega tarde e non ten unha dotación orzamentaria suficiente”. Refírese ao atraso histórica dunhas obras, demoradas polo Partido Popular e reclamadas desde hai anos pola comunidade educativa e pola veciñanza dos Rosais. Lembra que o programa de necesidades en que se define a reforma do centro leva finalizado desde o 2010, tal e como lle ten recoñecido a Consellaría de Educación ao Grupo Parlamentar do BNG.

Na mesma liña, María Xosé Bravo denuncia que para esta obra, que se prevé que custe uns dous millóns de euros, só hai consignados nos orzamentos da Xunta de Galiza 150.000 euros, cantidade que as nacionalistas trataran de incrementar coa presentación dunha emenda parcial que foi desestimada polo Partido Popular.

Por último, a edila nacionalista advirte de que as obras non van conlevar o aumento de prazas dispoñíbeis no centro, senón que, basicamente, consistirá nunha actuación de reforma.

Bravo denuncia que o Concello non cedeu ningún terreo para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán