O BNG califica de fracaso o convenio do Fondo Social de Vivendas para afectadas polos despexos

O BNG califica de fracaso o convenio do Fondo Social de Vivendas para afectadas polos despexos

A Coruña, 26 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala que cando pasa un ano de que o Concello da Coruña se adherise ao Fondo Social de Vivenda, impulsado pola Federación española de municipios e provincias (FEMP), nada se sabe do número das persoas e familias da cidade beneficiadas por tal convenio. As nacionalistas, que recentemente recibiron resposta a unha iniciativa presentada ao Goberno municipal (achégase iniciativa  e resposta dixitalizada), entenden que o convenio é un fracaso porque non se debeu facer nin un só informe na cidade da Coruña dada a vaguidade das respostas do Goberno local, nas que non dá nin un só dato cuantitativo.

Despois de un ano da adhesión do Concello ao convenio, nada se sabe do número de persoas e familias beneficiadas da cidade

Así, a resposta presentada ás nacionalistas, na que se interesaban por cantos informes foran realizados polos servizos sociais municipais para familias desafiuzadas polos bancos adheridos ao convenio, por cantas familias despexadas na Coruña se acolleron a este convenio e puideron seguir morando na súa vivenda e sobre a valoración do Goberno municipal deste convenio tras o ano 2013, foi de tal vaguidade polo Goberno Municipal que inclusive eludiu dar ningunha cifra, contestando da seguinte maneira: “se han realizado todos aquellos informes requeridos, por la vía prevista en el convenio, en beneficio de las personas titulares de dichas hipotecas”.

O Convenio para o Fondo Social de Vivendas para afectados por desafiuzamentos, foi subscrito pola FEMP xunto aos ministerios de Fomento, Economía e Asuntos Sociais, entidades bancarias e a plataforma do terceiro sector. O convenio contempla a creación do fondo social de vivendas destinadas ao aluguer achegadas polas entidades financeiras e ás que poden acceder persoas que foran despexadas da súa primeira vivenda a partir do 1 de xaneiro de 2008 e que, para alén diso, se encontren en situación de especial vulnerabilidade social. O Concello da Coruña acordou adherirse na Xunta de Goberno Local do 23 de febreiro de 2013 e a súa colaboración consiste en que os seus servizos sociais son os que emiten, a petición da entidade bancaria, un informe sobre a necesidade ou risco social do solicitante da vivenda, co obxecto de priorizar entre as persoas demandantes.

O BNG califica de fracaso o convenio do Fondo Social de Vivendas para afectadas polos despexos