O BNG amosa o apoio explícito @s 355 traballador@s de HP que traballan para ABANCA

O BNG amosa o apoio explícito @s 355 traballador@s de HP que traballan para ABANCA

foto 1A Coruña, 5 de xaneiro de 2015- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e a concelleira María Xosé Bravo reuníronse na mañá de hoxe cos membros dos Comités de Empresa dos centros de traballo que Hewlet-Packard (HP) posúe na Coruña e que lle prestan todos os servizos de telemárketing e de xestión administrativa á ABANCA. O motivo da reunión, no que tamén estivo presente o secretario comarcal da CIG-Banca, Óscar Calvo, non é outro que dar conta do perigo que corren un total de 355 postos de traballo (220 persoas que traballan centro do polígono da Agrela e 135 persoas que traballan no polígono de Pocomaco), pois ABANCA prevé prescindir dos servizos prestados por HP para contrarllos á empresa Prosegur.

En rolda de prensa posterior á reunión, Xosé Manuel Carril expresou o apoio explícito do BNG aos 355 traballadores e traballadoras e salientou a necesidade de que o Concello da Coruña os apoie e non só de xeito simbólico. Neste sentido, sinalou que se ABANCA persiste na idea de eliminar a carga de traballo neses dous centros da Agrela e de Pocomaco, o Concello da Coruña debería repensar e reformular as súas políticas e relacións con esta entidade financeira.

O portavoz nacionalista puxo de manifesto que o perigo que corren estes 355 traballadores e traballadoras é consecuencia do proceso de privatización do aforro galego. Así, afirmou que ABANCA actúa como unha entidade bancaria máis: non actúa nin con corazón nin con razón galega e non está preocupada nesa clave de responsabilidade social da que presume sobre o que pasa na súa contorna, senón que se move por cuestións puramente empresariais. Nesta liña, expuxo que para ABANCA por riba das persoas e dos traballadores e traballadoras están os beneficios económicos e consecuencia disto, apuntou, é ameaza que pende dos 355 empregos.

“Pedimos que o Concello e a cidade se impliquen nun proceso que pode custar 355 postos de traballo”

foto 2Os protagonistas da rolda de prensa foron os propios traballadores e traballadoras, cuxa voz representaron a presidenta do Comité de Empresa do centro da Agrela, Ángela Junco, e o traballador do centro de Pocomaco, Roi Villamarín. Ambos os representantes sindicais apelaron á solidariedade e á implicación tanto do Concello da Coruña como da cidade nun proceso que pode custar 355 postos de traballo directos.

Junco e Villamarín denunciaron a situación de incerteza que padecen os traballadores e traballadoras. Desde que o 3 de decembro souberon que os contratos de HP con ABANCA rematan en abril e en agosto de 2015 e que non se renovarán, xa que será Prosegur quen pase a prestar os servizos, os traballadores e traballadoras solicitaron información e nada souberon. O único que coñecemos, apuntaron, é que as empresas negocian entre elas pero a representación dos traballadores e traballadoras, da CIG e de CCOO, non están nesa mesa. Esta incerteza sobre o futuro do persoal levou a representación sindical a denunciar a situación perante a inspección de traballo.

Os traballadores e traballadoras transmitiron o seu malestar coa entidade financeira á que levan vinculados e vinculadas desde finais dos 80. Foi entón cando Caixa Galicia creou dúas empresas auxiliares, Coinsa e STBA para externalizar parte do seu proceso produtivo, nomeadamente, para xestionar asuntos administrativos e mais de telemárketing.No ano 2009, Hewlet-Packard (HP) adquiriu ambas as empresas ao abeiro dun compromiso froito do cal a compañía tecnolóxica mantería os postos de emprego e a caixa mantería a carga de traballo. HP seguiu prestándolle a Caixa Galicia estes servizos mesmo despois da fusión das caixas e na actual etapa con ABANCA até o día de hoxe. Así, estes empregados e empregadas son as que se encargan das domiciliacións bancarias, dos pagamentos de pensións e do subsidio por desemprego, dos servizos da banca electrónica e de atención telefónica, das reclamacións de tarxetas, do pagamento da devolución das preferentes...

Concentración este xoves e convocatoria de folga para os días 15 e 30 de xaneiro

Neste contexto, os traballadores e traballadoras acordaron un calendario de mobilizacións que comeza este xoves, día 8, cunha concentración diante da oficina central de ABANCA na rúa Nova ás 17.30h e continúa con dúas convocatorias de folga para o 15 de xaneiro e para o 30 de xaneiro.

O BNG amosa o apoio explícito @s 355 traballador@s de HP que traballan para ABANCA