PREGUNTAS AO GOBERNO LOCAL NO PLENO DE FEBREIRO

Villoslada deixa claro ao BNG que o seu obxectivo é minorar a edificabilidade e non a devolución dos soares da Maestranza

20200206_100224
Avia Veira e Francisco Jorquera, nos seus escanos
O Goberno Local non manexa o escenario de negociar co Ministerio de Defensa a anulación da operación de venda dos dous soares da Maestranza.
Villoslada deixa claro ao BNG que o seu obxectivo é minorar a edificabilidade e non a devolución dos soares da Maestranza

Esa é a conclusión que se tira da pregunta realizada no pleno deste xoves pola concelleira do BNG Avia Veira ao concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, a respecto de que xestións ía facer o Goberno Local para restituír ao Concello as parcelas vendidas por Defensa (en orixe terreos comunais dos que se apropiou no século XIX o naquela altura chamado Ministerio da Guerra).

O obxectivo do Goberno Local non sería, pois, a devolución dos soares, senón “minorar a edificabilidade” dunha das parcelas vendidas. A da outra, non, pois, dixo Villosalda, “completaría a mazá” do bloque de vivendas en que se acha situada.

Villoslada dixo que o Goberno Local está a traballar na modificación puntual do PERI da Maestranza do 94 e do PEPRI de 2015 para “abordar unha mellor protección do sistema amurallado defensivo conforme aos informes arqueolóxicos municipais”.

Lamentou que ao chegar a María Pita este novo Goberno Local non se atopase as parcelas nunha “mellor situación patrimonial”. Estaban desafectadas e foran subastadas e adxudicadas, dixo. Ao concluír a suspensión cautelar de concesión de licenzas decretada polo Goberno anterior por espazo dun ano, o comprador –unha empresa inmobiliaria vasca- “presentou as licenzas polas parcelas A e B”.

Deu a entender o concelleiro que o Goberno Local non pode facer outra que cumprir co “planeamento e coa normativa urbanística” porque calquer outro escenario abocaría o Concello a incorrer en “responsabilidades” perante os tribunais.

Nese sentido, minusvalorou a importancia dos pronunciamentos plenarios, hoxe mesmo aprobouse unha moción en defensa da devolución dos terreos, que sempre quedarían ao albur de hipotéticos recursos xudiciais de obrigado cumprimento para o Concello.

“A Coruña limita con Madrid, como costuma dicir o urbanista Xosé Luís Martínez”, dixo na súa intervención Avia Veira. O Estado Español ten unha chea de soares na nosa cidade e está nunha dinámica de vender A Coruña por anacos, e non para completar os equipamentos públicos, senón para facer negocios inmobiliarios”, denunciou, ao tempo que pediu ao concelleiro que o Goberno Local dese cumprimento aos acordos plenarios.

Veira lembra que a restitución ao Concello debalde de todos os soares e edificios do Estado en desuso ؅—o que obviamente inclúe os da Maestranza— fai parte dos acordos asinados no seu día polos grupos municipais do BNG e do PSOE.

Reunión cos responsábeis do antigo Fomento

As novas esixencias do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao Concello en relación á Intermodal centraron a segunda das preguntas do BNG, formulada por Francisco Jorquera e respondida polo portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage.

Lage estivo evasivo e en ningún momento responde ao obxecto da interpelación feita por Jorquera. Limitouse a dicir que non se producira ninguna reunión con Ábalos, cando polo que se interesaba o concelleiro do BNG era pola videoconferencia tida polos responsábeis do Ministerio con Juan Díaz Villoslada en que aqueles trasladaron ao Goberno Local novas esixencias sobre a Intermodal.

Sobre esas novas esixencias pronunciouse Jorquera. Cualificounas de impresentábeis. “Por que reclama agora a titularidade de viais e de terreos? Para que quere o ADIF máis edificabilidade? Que significa isto? Que pretende financiar a Intermodal especulando cos terreos?”, perguntouse o portavoz nacionalista sen atopar resposta na réplica dun Lage que tan só dixo que, tal e como lle pide o BNG, a alcaldesa si vai ser esixente con Madrid “na defensa dos intereses desta cidade”.

Para o BNG, a firmeza ante o Estado ten que se traducir non en declaración retóricas e si en plantar cara ante os planos especulativos do antigo Ministerio de Fomento.

Villoslada deixa claro ao BNG que o seu obxectivo é minorar a edificabilidade e non a devolución dos soares da Maestranza