Veira: "O nadal irresponsábel do PP é unha nova mostra do dispendio e do negocio para os amigos"

Veira: "O nadal irresponsábel do PP é unha nova mostra do dispendio e do negocio para os amigos"

A Coruña, 5 de decembro de 2012.- De Nadal irresponsábel. Así cualificou a concelleira Avia Veira a campaña navideña do Goberno municipal, que ascende, este ano, a un millón de euros. "Entre a Laponia, a cabalgata de reis e o alumeado de Nadal, o Goberno do Sr. Negreira tira con 1 millón de euros que non suporán un retorno para o afogado comercio da cidade", denunciou Veira, quen engadiu que "non é de recibo que con máis de 23.000 parados e paradas na cidade e cun 20% do pobo en risco de exclusión social o Sr. Negreira empregue os cartos públicos para dilapidar e para darlles negocios aos seus amigos".

Como mostra dos negocios do Sr. Negreiras coas súas amizades, Avia Veira recorreu á adxudicación "máis que sospeitosa" da cabalgata de reis por un importe de 51.919 euros á empresa VS1 Producción Creativa, constituída en xuño deste ano e cuxo único socio, Carlos López Ríos, é a mesma persoa á quen se lle adxudicou a cabalgata o ano pasado. Veira desmontou a razón esgrimida polo Goberno municipal, "non foi a oferta economicamente máis vantaxosa, é máis, a oferta da empresa gañadora do concurso é un 30% máis cara que outra das ofertas".

"A obscenidade do Goberno municipal é tal que non tivo reparos, en plena época de crise, de sacar a licitación da cabalgata deste ano polo duplo do importe doutros anos", criticou Veira. Mentres que no 2009, 2010 e 2011 o importe de licitación da cabalgata era de 35.000 euros, co PP duplicouse, practicamente, o importe da licitación, chegando até os 63.000 euros do ano pasado e 65.000 euros do presente exercicio. "Asfixia social e austeridade, para o pobo, e festa de euros para os seus amigos", insistiu.

Avia Veira esixiulle ao Goberno do Sr. Negreira na rolda de prensa que optimice os cartos de todo o pobo e que os dedique á dinamización do pequeno e mediano comercio e á promoción de emprego. "O balance do PP en comercio e en emprego non pode ser peor, aos datos nos remitimos", sinalou. Alertou Veira dos efectos nefastos que terán as medidas adoptadas por Rajoy no comercio da cidade, que prevé un descenso das vendas dun 40% neste Nadal. "En vez de facerlle fronte á suba do IVE, á liberalización dos horarios comerciais e á diminución da capacidade adquisitiva da xente, o Goberno municipal dedícase a gastar os cartos públicos en laponias e beléns", engadiu.

Ademais de criticar o mal exemplo do Goberno do Sr. Negreira na xestión dos cartos dos e das coruñesas, Veira reprobou que o Goberno municipal substituíra este ano a tradicional árbore de Nadal do Obelisco por unha composición de contido relixioso como é o belén. "Onde fica a aconfesionalidade?", preguntouse. Tamén censurou a pouca sensibilidade do Goberno municipal co medio ambiente, ao empregar árbores taladas para decorar a praza de María Pita.

 

O Nadal, unha mostra máis da longa listaxe de malgastos

Pola outra banda, Avia Veira lembrou outras actuacións do Goberno municipal que responden á máxima "austeridade para o pobo, negocio para os amigos". Así, citou o case medio millón de euros gastados en tres días de Tall Ships Race, o millón de euros das festas de María Pita, o outro medio millón gastado nun partido amigábel de baloncesto, os 300.000 euros evaporados ao desmantelar a medianeira da Avenida de Oza só para cumprir un capricho electoral do PP ou o millón previsto nas obras da Gaiteira, unha cantidade que a veciñanza ve desproporcionada. Sobre as obras da Gaiteira, Veira criticou o seu deseño, xa que deixará a rúa dividida en dúas partes e incomunicada durante un ano. "Obras na Gaiteira durante un ano significa a morte de locais comerciais e hostaleiros, sábeno comerciantes, hostaleiros e veciñanza", advertiu.

"Cal é o resultado destes gastos?", preguntouse Veira, "postos de traballo destruídos, máis comercios e locais hostaleiros fechados e un encarecemento da vida na nosa cidade". "Déixense de gobernar a golpe de talonario para os seus amigos e céntrense na Coruña real, na Coruña de máis de 23.000 parados e paradas", concluíu.

Veira: "O nadal irresponsábel do PP é unha nova mostra do dispendio e do negocio para os amigos"