Van ser Negreira e Flores os que acaben encadeados ás obras do Parrote por non poder pagar a obra

Van ser Negreira e Flores os que acaben encadeados ás obras do Parrote por non poder pagar a obra

A Coruña, 3 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG retrúcalle ao Goberno do Sr. Negreira que os que van acabar encadeados ás escavadoras que traballan no Parrote serán o propio o alcalde e o portavoz municipal do PP, cando Copasa queira abandonar as obras por falta de pago, ao desentenderse a Xunta de Galiza e o Goberno central desta actuación.

Á marxe dos 20.000 euros consignados nos orzamentos galegos para o 2012 –para os que aínda segue sen asinarse o convenio–, a Xunta de Galiza non comprometeu nin un céntimo máis para o Parrote. Só hai unha previsión plurianual en base á que só se pagarían 500.000 euros no 2013 e 2 millóns no 2014, unha previsión que non vincula nin lle implica obrigas ao Goberno galego. Aínda cumpríndose isto, a Xunta só transferiría 2,5 millóns nos anos en que se executarían as obras. Tampouco hai cobertura orzamentaria para o Parrote por parte do Goberno central. De aí que o BNG empraza o PP, moi dado a externalizar as súas responsabilidades nas institucións a rezos ás deidades, a apelar ao poder divino para que tanto a Xunta como o Goberno central cofinancien este agasallo do Sr. Negreira a Copasa.

Malia as reiteradas preguntas dos nacionalistas, o Goberno municipal segue sen explicar como pensa pagar os 11 millóns de euros que faltan (3 millóns cartos municipais, a través dun empréstito). Van correr por conta dos impostos da cidadanía, das persoas dependentes ou das persoas desempregadas?, pregúntanse.

Un serial de chapuzadas, de contradicións e de correccións

O Grupo Municipal do BNG sinala que grazas aos “apóstolos do non”, como denominou o Goberno municipal aos concelleiros nacionalistas, hai quen defende o interese xeral da cidadanía e que se actúe conforme a Dereito neste serial de chapuzadas, contradicións, correccións e continuos cambios de criterio. É o PP, a través do Goberno municipal e da Autoridade Portuaria quen, día si día tamén, pon paus na roda á legalidade e ao erario público.

A este respecto, o BNG seguirá a denunciar que o Goberno do Sr. Negreira vaia gastar 14 millóns de euros nunha obra que non resolverá os problemas de mobilidade da cidade e cuxa única finalidade é pagarlle parte da estrutura do aparcadoiro a unha concesionaria privada, Copasa, sen importarlle para nada ao Goberno Local pedir un empréstito para tales efectos, e seguirá a controlar que as obras se axusten á normativa.

Van ser Negreira e Flores os que acaben encadeados ás obras do Parrote por non poder pagar a obra