ORZAMENTOS DO ESTADO

Uns orzamentos do Estado dos que desaparecen A Coruña e a súa área metropolitana

Imaxe do Congreso das deputadas e dos deputados
Imaxe do Congreso das deputadas e dos deputados durante a celebración dunha das súas sesións

Os investimentos previstos nos orzamentos xerais do Estado para a comarca esquecen demandas históricas necesarias, renuncian de xeito obsceno ao desenvolvemento económico e a xeración de emprego e prescinden da mobilidade sostíbel e á rexeneración da Ría do Burgo. Son, en definitiva, un desprezo á Coruña e esmolas sen criterio distribuídas nunhas partidas feitas sen o coñecemento das necesidades reais da nosa cidade”

A proposta de orzamentos amosa até que punto a ausencia de forzas propias no Congreso, co centro de decisión no Pais e non subordinadas a outro tipo de organizacións de ámbito estatal, castiga a nosa nación e é a proba do moi elevado custe que ten para Galiza a submisión de Feixóo a Madrid, a súa falta de peso político e como a súa xestión sempre vén determinada polos intereses do Partido Popular e non por resolver as necesidades e demandas das galegas e dos galegos

Consideramos escandaloso que os investimentos se reduzan mais dun 40 % na Coruña e na súa área metropolitana obviando novamente, entre outras actuacións prioritarias, a Ría do Burgo, o Porto Exterior, o Aeroporto e a mobilidade

Nas partidas que se presentaron onte se reiteran as grandes eivas amosadas en anos anteriores acentuándose a ausencia de investimentos reais que teñan por obxecto a consideración da área urbana como motor social e económico da comarca

Uns orzamentos do Estado dos que desaparecen A Coruña e a súa área metropolitana

Vimos de valorar as previsións das partidas recollidas nos orzamentos xerais do Estado presentados onte e nas que se reiteran as grandes eivas amosadas en anos anteriores acentuándose a ausencia de investimentos reais que teñan por obxecto a consideración da área urbana como motor social e económico da comarca.

Resulta escandaloso que estes investimentos se reduzan mais dun 40 % na cidade e na súa área metropolitana obviando novamente, entre outras actuacións prioritarias, a Ría do Burgo, o Porto Exterior, o Aeroporto e a mobilidade, e que non se reserven as partidas económicas necesarias en consonancia coa necesidades reais e as demandas históricas que a comarca ven realizando nos últimos anos.

Así cremos que os investimentos previstos nos orzamentos xerais do Estado para a comarca esquecen esas demandas históricas necesarias, renuncian de xeito obsceno ao desenvolvemento económico e a xeración de emprego e prescinden da mobilidade sostíbel e á rexeneración da Ría do Burgo. Son, en definitiva, un desprezo á Coruña e esmolas sen criterio distribuídas nunhas partidas feitas sen o coñecemento das necesidades reais da nosa cidade.

Deste xeito, e comezando precisamente pola Ría do Burgo, vólvese constatar como “segue a chover sobre mollado”, xa que logo os orzamentos presentados polo PP negan sistematicamente o impulso a un dos sectores estratéxicos da nosa economía como é o mar.

Unha aposta decidida de investimentos, nas que se incluísen partidas para a súa rexeneración, a realización do estudo de impacto medioambiental e un proxecto de rexeneración, como se vén demandando desde hai 16 anos, servirían para reactivar os areais como motor económico e produtivo e contribuiría en reducir o desemprego na nosa cidade e na comarca, sendo un incentivo para un sector castigado con extrema dureza desde o comezo da crise.

Ademais, son irrisorias as partidas para Punta Langosteira, aínda sendo o principal receptor de fondos de todos cantos investimentos se realizan na comarca, e como exemplo o seu enlace ferroviario, xa que logo mentres careza desta infraestrutura (ao que se destinan uns ridículos 31.000 euros sen plan de investimento plurianual) non se poderá garantir a operatividade do Porto Exterior, sinaladamente no que respecta ao transporte de graneis, xa que a conexión unicamente viaria supón un elevado custo económico para as empresas que alí se quixeran instalar, retrasando o comezo da operatividade e produtividade.

Vista da obra do Porto Exterior

Vimos defendendo desde hai anos que o Porto Exterior se debe financiar en base aos orzamentos xerais do Estado, tal e como se ten feito noutras cidades como en Xixón e cremos que non se poñen en riba da mesa os investimentos necesarios en Punta Langosteira en función dos intereses e da actuación da Autoridade Portuaria. É o exemplo máis evidente de que se priman os intereses duns poucos fronte ao interese xeral da nosa comarca.

Outro dos grandes esquecidos na proposta de orzamentos volve ser o aeroporto de Alvedro. Levamos demandando desde hai case dous anos que no terminal coruñés é preciso investir para a implantación dun sistema de axuda instrumental para a cabeceira sur e apostar por un sistema de aproximación por GPS (sistema de navegación por satélite GBAS) que permitiría que os avións puideran aterrar pola noite e con esas condicións climatolóxicas adversas, sistema con poucos gastos de mantemento.

E tamén consideramos escandalosa a falla de investimentos en mobilidade na proposta entregada polo ministro Montoro, sobretodo no que ten que ver coa Estación Intermodal e coa demanda histórica da implantación e mellora dos servizos ferroviarios de proximidade.

Así, a respecto da Estación Intermodal, preguntámonos como é posíbel que non aparezan partidas propias e diferenciadas, o que entendemos que significa unha renuncia inadmisíbel e a constatación da “dupla faciana do Partido Popular, que en Madrid se esquece dos investimentos que promete nos seus discursos en Galiza”.

E son indignantes as achegas que se destinarán para a demanda histórica da implantación e mellora dos servizos ferroviarios de proximidade, por exemplo, a proposta de 50.000 euros para o By-Pass de Betanzos que xa foi obxecto dunha emenda nosa para os orzamentos do ano 2015 e pola que se demandabamos o aumento até os 2 millóns de euros, ou como a reserva de tan so medio millón de euros para a iña ferroviaria A Coruña-Ferrol, que consideramos un “brinde ao sol”, xa que logo tamén en 2015 xa reivindicabamos investimentos por 10 millóns de euros para este tramo do Eixo Atlántico.

Esta proposta de orzamentos amosa até que punto a ausencia de forzas propias no Congreso, co centro de decisión no Pais e non subordinadas a outro tipo de organizacións de ámbito estatal, castiga a nosa nación e é a proba do moi elevado custe que ten para Galiza a submisión de Feixóo a Madrid, a súa falta de peso político e como a súa xestión sempre vén determinada polos intereses do Partido Popular e non por resolver as necesidades e demandas das galegas e dos galegos”, conclúe Avia Veira.

A Coruña, 5 de abril de 2017

Uns orzamentos do Estado dos que desaparecen A Coruña e a súa área metropolitana