O Sr. Negreira "inaugura" por terceira vez as obras do CEIP Emilia Pardo Bázan, aínda sen rematar

O Sr. Negreira "inaugura" por terceira vez as obras do CEIP Emilia Pardo Bázan, aínda sen rematar

A Coruña, 18 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG advirte de que hoxe tivo lugar a terceira “inauguración” por parte do Sr. Negreira das obras de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, unhas obras que aínda non están concluídas. Así, o Sr. Negreira visitou o CEIP Emilia Pardo Bazán o 7 de xullo de 2014, o 5 de xaneiro de 2015 e na mañá de hoxe. Sempre, salientan as nacionalistas, para adiar o inicio da estrea da ampliación por parte das crianzas.

O Grupo Municipal do BNG volve denunciar os numerosos atrasos tanto no inicio como no remate das obras. Malia a promesa do conselleiro de Educación en 2011 de manter o compromiso adquirido polo goberno anterior ao do Sr. Feijoo, malia a promesa de comezo das obras para o primeiro semestre de 2011 e malia a promesa do inicio das obras para o mes de outubro de 2013 por parte, entre outros, do Sr. Negreira, as novas aulas aínda a estas alturas non puideron ser estreadas. De feito, hoxe temos coñecemento dun novo atraso: o novo espazo non poderá ser utilizado até despois das vacacións de Semana Santa.

Este novo atraso ten lugar a pesar de que as familias foran informadas de que as crianzas poderían empregar o novo espazo despois das vacacións do Nadal e, posteriormente, na visita de 5 de xaneiro o alcalde postergaba a data de entrada ás novas instalacións até despois das vacacións do Entroido. Non será até principios de abril –curiosamente, a mes e medio das eleccións- cando se poida, por fin, empregar o novo espazo. En nota de prensa de 18 de xaneiro de 2015, as nacionalistas xa prognosticaran que pasado o entroido o Sr. Negreira volvería ao Emilia Pardo Bazán a fotografarse por enésima vez buscando réditos electorais.

O Sr. Negreira "inaugura" por terceira vez as obras do CEIP Emilia Pardo Bázan, aínda sen rematar