Imprimir

A situación de Nostián, a pleno nunha pregunta de Jorquera ao Goberno Local

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 27 de novembro de 2019

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai dirixir unha pregunta oral ao Goberno Local, no pleno da vindeira semana, en relación á situación pola que atravesa a planta de tratamento de residuos de Nostián.

“Que actuacións ten previsto levar a cabo o Goberno Municipal ante o anuncio da concesionaria da Planta de Nostián de aplicar un ERTE ao cadro de persoal e deixar de tratar o lixo dos concellos do Consorcio das Mariñas?”, inquire o voceiro nacionalista.

Jorquera defende que perante a “actitude chantaxista dunha Albada que está a tomar as e os traballadores de Albada como reféns” o concello aplique o prego de condicións da concesión e interveña directamente a planta. “Este é un asunto que ten que liderar directamente a alcaldesa”, afirma o portavoz do BNG , para quen o conflito que se está a vivir pon de manifesto “a pesada hipoteca” que se deriva do feito de que “servizos de titularidade pública estean xestionados por grandes conglomerados empresariais privados que antepoñen sempre o lucro ao interese social”.

Salienta tamén Jorquera que en aplicación da lexislación vixente e aínda que a 1 de xaneiro vaia caducar o prazo da concesión, a empresa concesionaria está obrigada a manter a prestación dos seus servizos nos mesmos termos en que o viña facendo até o de agora, o cal significa que nin pode cortar unilateralmente a súa relación cos concellos do Consorcio das Mariñas nin pode tampouco lanzar un ERTE masivo que se aplicará directamente ao 40 por cento do persoal da planta [o resto de operarias e operarios sufrirán por súa parte a modificación substancial, e á baixa, das súas condicións de traballo].

“O BNG reitera a súa solidariedade coas traballadoras e os traballadores de Albada. O Concello é titular do servizo, así que ten que actuar xa para garantir a prestación dos servizos da planta –de obvia utilidade social- e o amparo dos dereitos laborais do cadro de persoal”, conclúe Jorquera.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/situacion-nostian-pleno-nunha-pregunta-jorquera-ao-goberno-local/20191127122631008350.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal