Imprimir

"O sinistro do Blue Star demostra que o porto exterior da Coruña non serve de porto refuxio"

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 25 de novembro de 2019

Así o afirmou este luns o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, durante a súa intervención nunha tertulia en Intercoruna.

O sinistro do Blue Star levou á tona dúas cousas. A primeira, que o porto exterior da Coruña non serve de porto refuxio. A segunda, que a Ría de Ares "continúa a ser utilizada como fondeadeiro".

"Os barcos antes de ter permiso de entrar en porto fondean na Ría de Ares. Por tanto, haberá que extremar as medidas de seguridade e de precaución nese espazo, polo demais de moi alto valor ambiental, para evitar que se produzan sinistros deste tipo", dixo Jorquera.

Ao portavoz nacionalista chamoulle tamén a atención que non se tivesen despregado aínda barreiras anti-contaminación para evitar o risco de fugas de combustíbel, aínda que a apenas 10 quilómetros de onde está encallado o barco, no polígono industrial de Vilar de Colo, se ache ubicado un centro de salvamento marítimo que dispón deste tipo de material. "O que nos debe preocupar agora é que non se produza ningún tipo de fuga do combustíbel", alertou.
 
Para Jorquera, que se recorra a unha empresa holandesa para o rescate do Blue Star é "unha nova demostración" de que os medios de salvamento marítimo cos que conta o Estado "continúan a ser insuficientes" nun país, Galiza, "enormemente exposto a este tipo de sinistros".

O portavoz nacionalista ve tamén irracional que "sobre o salvamento marítimo se tomen as decisións desde Madrid, a 600 quilómetros das nosas costas" e volveu demandar a transferencia destas competencias á Xunta de Galiza.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/sinistro-do-blue-star-demostrado-porto-exterior-da-coruna-non-serve-porto-refuxio/20191125174421008344.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal