Imprimir

Repetiuse a trapallada do Pleno de abril e comezaremos o 2017 sen orzamentos

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 28 de decembro de 2016

A nosa concelleira Avia Veira momentos antes do Pleno
A nosa concelleira Avia Veira momentos antes do Pleno

De novo vémonos como o ano pasado co orzamento prorrogado mentres o PSOE e a Marea seguen sen resolver as súas problemáticas de parella

Entendemos que o Goberno local é quen ten a responsabilidade de elaborar o orzamento en tempo e non pode eludila xa que son os que teñen a “capacidade” e a obriga política de facelo mais decidiu facelo tarde sen deixar marxe temporal abondo para a negociación e para ter o orzamento listo e vixente a 1 de xaneiro de 2017

Pensamos que co acontecido hoxe no pleno evidénciase que non se está a priorizar a resolución dos problemas da cidade e das coruñesas e dos coruñeses senón os intereses partidistas. Á cidade e á veciñanza non lle interesa as problemáticas de parella entre a Marea Atlántica e o PSOE senón que se solucionen os seus problemas, que son o paro, a desigualdade, saír da pobreza, a vivenda, recuperar os investimentos para os barrios, que as asociacións poidan continuar coa súa actividade etc.

Para iso presentamos as nosas emendas: para implementar un Plan de Inclusión Social, aumentar nun 31% na partida de reparacións en CEIP, artellar un sistema de axudas para eliminar o copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio, recuperar a organización dun “outlet” para o pequeno e mediano comercio, implementar un Banco de Baixos Comerciais, impulsar un Plan de Industrialización na cidade e na comarca –para combater que a cidade vai camiño de se converter nun deserto industrial e atendendo a necesidade de diversificar a economía local para que avance máis aló do sector terciario–, iniciar un programa de fomento do galego nas escolas infantís municipais, poñer en marcha bonos culturais para persoas en risco ou exclusión social e tamén para a mocidade e recuperar a partida para a organización da Feira do Libro.

Avia preparando a documentación no comezo do Pleno

Amais, tamén fixemos fincapé na necesidade de priorizar o investimento nos barrios, cos que segue existindo unha débeda, para o cal achegamos máis de 145 propostas recollidas nas sucesivas Asembleas Abertas e encontros nos barrios realizadas no último mes e medio, nas que tamén recollemos outras tantas propostas coas que a veciñanza reclama unha mellor e máis áxil xestión diaria por parte do Goberno municipal.

E reiteramos no pleno que continuamos e continuaremos coa mesma liña do ano pasado, de ser construtivas e achegar propostas concretas ao orzamento malia constatarse que ninguén aprendeu do acontecido no pleno de abril: sobre todo o Goberno, que, para nós, é quen ten a responsabilidade de elaborar o orzamento en tempo e non pode eludila xa que son os que teñen a “capacidade” e a obriga política de facelo, mais decidiu facelo tarde sen deixar marxe temporal abondo para a negociación e para ter o orzamento listo e vixente a 1 de xaneiro de 2017.

Demandamos que se poñan por diante os intereses da cidade e do pobo non os intereses partidistas duns e doutros. Nós non imos facer o mesmo que fixeron outros en Pontevedra. Non se nos vai ver a nós en ningún batiburrillo de partidos senón defendendo políticas concretas que garantan que o cambio na cidade sexa real.

A Coruña, 28 de decembro de 2016

 

Artigos relacionados:

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/repetiuse-trapallada-do-pleno-abril-comezaremos-2017-orzamentos/20161228153359007389.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal