Imprimir

O regulamento de escolas municipais infantís discrimina as persoas desempregadas

BNG da cidade da Coruña | 25 de xaneiro de 2014

MX 1A Coruña, 25 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os criterios para a adxudicación de prazas de ingreso na rede de escolas infantís municipais segue a discriminar gravemente as persoas en situación laboral de desemprego fronte ás persoas ocupadas, tal e como recolle o proxecto de Regulamento das escolas infantís integradas na rede de Escolas Infantís Municipais do Concello da Coruña, aprobado no día de hoxe pola Xunta de Goberno Local.

O Bloque sinala que o novo regulamento, que terá que ir a Pleno para a súa aprobación inicial, segue a primar as familias en que as nais e os pais traballan fronte aquelas nais e pais que se encontran no desemprego. Así, no art. 24.4.4 pódese ver que a diferenza entre estar as persoas proxenitoras ou titoras empregadas ou estar nunha situación de desemprego pode ser de oito puntos. Esta diferenza é o duplo do que se consegue entre ser unha unidade familiar con ingresos inferiores ao 100% do IPREM e ser unha familia con ingresos superiores ao 350% do IPREM.

O BNG salienta que ao respecto que neste momento tan duro de crise económica, de recortes sociais e de altas taxas de desemprego non se entende que deixen de ter importancia os ingresos en canto aos criterios para a adxudicación de prazas.

O BNG critica que o novo regulamento do PP só admita unha crianza con necesidades especiais por aula

As nacionalistas tamén critican deste novo regulamento aprobado polo Goberno municipal que só se admita, como sinala o art. 24.3.4, unha crianza con necesidades específicas de apoio educativo por unidade, pois poderíase dar lugar a que unha nena quedase fóra cumprindo os baremos e a puntuación porque xa hai outra persoa con necesidades específicas de apoio educativo. Esta medida, sinala o BNG, demostra que o Goberno do Sr. Negreira non acredita no ensino público como a mellor ferramenta de igualación social e para combater a desigualdade.

Por último, o BNG recoméndalle ao Sr. Negreira que non venda fume co número de prazas das escolas infantís municipais de cara ao curso que vén. En primeiro lugar, porque das tres escolas que citou (Sardiñeira, Padre Rubinos e Agra) a da Sardiñeira non é municipal, xa que pertence ao Plan Educa, prometida pola Xunta de Galiza. E, en segundo lugar, cando a escola da Agra do Orzán, a día de hoxe, é un buraco.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/outras-novas/regulamento-escolas-municipais-infantis-discrimina-persoas-desempregadas/20140125230347004818.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal