Recuperar a memoria e homenaxear as vítimas da Ditadura

Recuperar a memoria e homenaxear as vítimas da Ditadura

Rexistramos onte unha moción (podes vela aquí) para o seu debate no Pleno deste luns na que se propón, coincidindo co 80 aniversario do golpe de Estado de 1936, a recuperación da memoria histórica e de condena da Ditadura.

Trasladamos ao Pleno deste luns unha moción para a recuperación da memoria histórica e de condena da Ditadura franquista

Deste xeito, recollemos a proposta que lle foi achegada pola Iniciativa Galega pola Memoria, na que participa a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Esta moción, xusto cando o próximo 18 de xullo se cumpren 80 anos do golpe de Estado militar contra o réxime democrático vixente no Estado español e no que na Galiza foi orixe dunha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da Ditadura franquista, constitúe, para nós, unha boa oportunidade para expresar o compromiso cos valores democráticos e a condena da Ditadura.

Recollemos esta proposta da Iniciativa Galega pola Memoria, na que participa a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

No caso do concellos e deputacións na Galiza, existe ademais, hoxe en día, unha obriga ética e política clara a este respecto porque, por unha parte, dirixentes políticos destas institucións e persoal ao seu servizo foron obxecto de represión e persecución en forma de asasinato, cárcere, depuración e outras múltiples formas de violencia. E, por outra, as institucións locais foron parte do aparato administrativo e político que impuxo a Ditadura.

E é que entendemos que as institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da Ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terríbel período histórico.

É por isto que propomos que o O Concello da Coruña exprese a súa condena do golpe de estado militar de 1936 e da Ditadura franquista así como que promova ao longo do que resta do ano 2016 o desenvolvemento dun programa de actividades –en colaboración con entidades da memoria e outras administracións– arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo.

Propoñemos na iniciativa a celebración dunha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras do Concello que foron vítimas da represión franquista

Por último, a iniciativa tamén recolle a proposta de que o Concello da Coruña organice unha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras da institución que foron vítimas da represión franquista e a eliminación, supresión ou anulación, de seguir estando vixentes, dos acordos, distincións e símbolos, e calquera outra manifestación institucional, que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa Ditadura.

A Coruña, 2 de xullo de 2016

Recuperar a memoria e homenaxear as vítimas da Ditadura