O real decreto do Goberno do PP beneficia a Autoridade Portuaria e Repsol e prexudica o comercio

O real decreto do Goberno do PP beneficia a Autoridade Portuaria e Repsol e prexudica o comercio

xose 4A Coruña, 7 de xullo de 2014.- O portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Carril, valorou esta mañá o recentemente aprobado Real Decreto-lei de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. Neste sentido, manifestou que “as medidas liberalizadoras do salvaxe Real Decreto, que implican máis privatización e menos intervención pública, teñen un impacto directísimo na cidade da Coruña porque prexudican o pequeno comercio, benefician a Autoridade Portuaria e a Repsol e poñen en perigo o aeroporto de Alvedro”. “Non é unha coicidencia, a xuízo do portavoz nacionalista, que o Partido Popular deixase pasar as eleccións europeas para cravar de novo os seus colmillos e desangrar os servizos públicos e os sectores que terman da economía e fan cidade, como é o pequeno comercio”. Ademais, Carril, salientou que mentres en Vigo, o comercio, o seu Goberno Local e o mesmo Partido Popular, celebran a exclusión desta cidade da medida salvaxe da “barra libre” dos horarios comercias, o Goberno Local da Coruña di que isto é unha oportunidade, razón pola que as nacionalistas pregúntanse “para quen é esta oportunidade, para o pequeno e mediano comercio ou será realmente para os grandes comercios e as grandes áreas comerciais?”

Liberalización comercial: a “barra libre” dos horarios comerciais en zonas de grande afluencia turística (GAT), que Vigo celebra con ledicia por quedar fóra da súa aplicación, e a eliminación do control das grandes áreas comerciais

Carril sinalou que o Real Decreto-lei 8/2014 ten moitísmo impacto na cidade da Coruña a través de tres medidas moi concretas, a primeira a da liberalización comercial. Así manifestou que “o Real Decreto incorpora a cidade da Coruña no seu anexo I, podendo, así, aplicar, sen máis, a “barra libre” dos horarios comerciais, que beneficia o grande comercio e as franquicias e prexudica o pequeno comercio por non contar con medios para operar en tales condicións. Ademais, este Real Decreto elimina todos os controis para a apertura, traslado e ampliación das grandes áreas comerciais. Por tanto, salientou o portavoz nacionalista, esta liberalización comercial vai implicar a desaparición do pequeno e mediano comercio da cidade da Coruña e a precarización das condicións de traballo das persoas que traballen nas zonas con liberdade de horario”.

E salientou, seguidamente, o que dixo o sector, que non comparte esta medida. En concreto, a Confederación Española de Comercio, emitiu un comunicado público o mesmo día en que se aprobou este Real Decreto, sinalando que “a ampliación de zonas GAT é unha medida que non incrementa as vendas a turistas, que contan cun horario comercial suficiente para cubrir as súas necesidades”, e ademais dicían que esta medida “é totalmente innecesaria co actual marco normativo dos horarios comerciais, con 90 horas de apertura semanal e 698 zonas de Gran Afluencia Turística en 530 concellos aprobadas, xa están cubertas as necesidades que tiña o sector”.

Carril tamén destacou que a cidade de Vigo, que inicialmente estaba incluída na proposta do Real Decreto e que ao final decaeu da relación de cidades, celebrou a súa exclusión da “barra libre” dos horarios comerciais. Así sinalou que a propia Federación de Comercio de Vigo solicitou a súa exclusión xa que sería moi negativo para o pequeno e mediano comercio que non podería facer frente á competencia das grandes franquicias e das grandes áreas comerciais. Alén do Goberno Local de Vigo, o mesmo o portavoz do Partido Popular de Vigo trasladou a fonda preocupación do comercio minorista olívico para que a cidade de Vigo fose excluída desta medida salvaxe, algo que efectivamente se logrou por ben do pequeno comercio.

“E mentres o Goberno Local do Sr. Negreira di que é unha grande oportunidade. Por iso o BNG pregúntase para quen é esta oportunidade, para o pequeno e mediano comercio ou será realmente para os grandes comercios e as grandes áreas comerciais? Si é unha grande oportunidade, mais non para o pequeno e mediano comercio, que vai desaparecer, senón para as grandes áreas comerciais, primeiro porque poderán beneficiarse dese horario comercial sen limitacións en puntos moi concretos desta cidade e segundo porque no caso de abrir, trasladar ou ampliar non van ter necesidade de autorización administrativa previa ”, manifestou Carril.

Liberalización portuaria: grandes beneficios para a Autoridade Portuaria, co uso hoteleiro dos seus edificios históricos en desuso, e para Repsol, que pode ampliar a 50 anos a súa concesión

“A segunda das medidas que ten un importantísimo impacto na cidade da Coruña, sinalou o portavoz nacionalista, é a liberalización portuaria, beneficiando a Autoridade Portuaria, en prexuízo do pequeno comercio e da hostelaría, e os grandes titulares das concesións portuarias, sinaladamente Repsol. E isto porque hai dúas medidas nesta liberalización portuaria.

A primeira é que todos os edificios históricos de Autoridade Portuaria en desuso poderán ser destinados a usos hoteleiros, albergues e hospedaxes. Concretamente na cidade da Coruña na zona da avenida da Mariña hai edificios de Autoridade Portuaria nesta situación e que coinciden coa zona excluínte “do centro” que está a contruír o Partido Popular en detrimento do pequeno e mediano comercio e tamén en detrimento dos propios barrios.

E a segunda medida que o Real Decreto contempla é a ampliación das concesións até un máximo de 50 anos, tanto das novas como das xa existentes, e mesmo excepcionalmente por riba dos 50 anos. Esta ampliación beneficiará a Repsol. E sae beneficiada Repsol porque esta multinacional, que como consecuencia do traslado negociado ás agachadas a Langosteira tivo a posibilidade de incrementar a concesión até un máximo de 35 anos, con este Real Decreto poderá pasar de 35 a 50 anos”.

Liberalización aeroportuaria: o perigo de que Alvedro deixe de ter a consideración de aeroporto de interese xeral por razóns económicas

Por último, a terceira das medidas ás que se referiu o nacionalista foi á liberalización aeroportuaria que atinxe directamente ao aeroporto de Alvedro. Sinalou que “hai unha privatización total de AENA e, ao mesmo tempo, todo o que ten que ver coa xestión de servizos aeroportuarios non esencias así como a a xestión comercial das infraestruturas queda suxeita a libre mercado. O problema non está só aquí, dado que as mudanzas que introduce este Real Decreto na regulación dos aeroportos como aeroportos de interese xeral por razóns económicas fai perigar esta consideración dos aeroportos galegos, sinaladamente o aeroporto de Alvedro”.

O real decreto do Goberno do PP beneficia a Autoridade Portuaria e Repsol e prexudica o comercio