FACENDA

Barrios abandonados e 15 millóns para os bancos

Momento da rolda de prensa de valoración realizada cando se presentou o Modificativo M4/2018
Momento da rolda de prensa de valoración realizada cando se presentou o Modificativo M4/2018

Obrigan a destinar ao pagamento da débeda os 15 millóns de euros que quedaron sen investir en 2017 pola mala xestión política e administrativa do goberno local.

Barrios abandonados e 15 millóns para os bancos

Logo de ter lugar a Comisión de Facenda que ditaminou o M4/2018, só podemos concluír  que a causa orixinal de que hoxe teñamos que gastar os 15 millóns de euros en débeda que quedaron sen investir en 2017 é a mala xestión política e administrativa do Goberno Local.

Unha comisión de Facenda na que a nosa concelleira do BNG, Avia Veira, ficou sorprendida polas confesións da concelleira de Facenda, no contexto da explicación da data do pleno que se ten pensado convocar para o día 26, cando recoñeceu que aínda que se tivese cumprido co Pago Medio á Provedores (PMP) non daría tempo a comezar a tramitar os Investimentos Financeiramente Sostíbeis.

A Marea Atlántica argumenta que o Pago Medio a Provedores se veu lastrado porque non prosperou o recoñecemento extraxudicial en maio, cando o certo é que foi o propio Goberno quen, por empecinamento, logo de coñecer as advertencias da oposición, levou o recoñecemento a Pleno malia saber que non prosperaría. Se antes do pleno deixasen o asunto enriba da mesa, licitasen con axilidade o contrato de recollida de lixo, o recoñecemento estaría aprobado ese mesmo mes.

A esta falta de dilixencia súmase que no mes de maio o propio Goberno tiña xa que coñecer o Remanente Líquido de Tesouraría, é dicir, os cartos que quedaron sen gastar en 2017, e, polo tanto, sabía que tería a opción de investir parte deses 15 millóns en Investimentos Financeiramente Sostíbeis, ou sexa, en obras e instalacións municipais.

A cidade adoece de investimentos. Somos coñecedoras de que a Lei de estabilidade orzamentaria obriga primeiro a empregar o superávit de tesourería a atender as obrigas pendentes de aplicar a orzamento contabilizadas a 31 de decembro do exercicio anterior e a amortizar débeda mais tamén permite o financiamento de investimentos financeiramente sostíbeis. Se se tivesen feito ben as cousas poderían empregarse 14 millóns de euros para a cidade nas nosas rúas, nas nosas instalacións municipais, nos nosos CEIP, nas instalacións deportivas, nos nosos museos científicos, nos nosos centros cívicos... en definitiva, en multitude de cuestións que terían unha repercusión directa na vida da cidade e na vida da veciñanza.

Xa é un despropósito que haxa 17,4 millóns de remanente na liquidación do orzamento de 2017 porque significa que non se investiu abondo na cidade. E consideramos que os argumentos do Goberno local xustificando que o total dos cartos do remanente vaian destinarse ao pagamento de débeda no canto de investimentos son escusas e responden a un pasotismo e a unha falla de dilixencia absoluta.

A modificación lexislativa que modificou o cómputo do período medio de pagamento a provedores entrou en vigor no mes de abril, nese momento xa se está realizando a liquidación, que se aproba no mes de xuño, polo que o Goberno Local se actuase con eficacia tería posto o empeño preciso para cumprir co PMP que é o requisito indispensábel para poder investir o superávit nos investimentos que precisa a cidade.

A Coruña, 21 de novembro de 2018.

Barrios abandonados e 15 millóns para os bancos