Imprimir

Quen é Carlos Babío e por que os Franco queren poñelo no albo?

BNG | 19 de febreiro de 2019

Carlos Babío, en Sada.
Carlos Babío, en Sada.

A familia Franco demanda ao autor de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

Carlos Babío é un veciño de Sada neto dunha veciña de Sada expulsada da súa casa e condenada a unha vida na miseria porque a casa estaba preto do Pazo de Meirás e os Franco decidiron ampliar as súas propiedades arredor do Pazo.

 

Carlos Babío é un político nacionalista, veterano militante do BNG, que se presenta ás eleccións europeas xunto a Ana Miranda, nunha coalición compartida con EH Bildu e ERC. A lista desta alianza preséntase mañá en Madrid. 

 

Carlos Babío vén de ser acusado pola familia Franco de verter "infamias y calumnias" contra Franco e os seus herdeiros.

 

En realidade, o traballo de Carlos Babío, que empezou hai dúas décadas a seguir o fío da historia da súa avoa, é o máis amplo, documentado e contundente estudio sobre o espolio que as elites coruñesas do franquismo incipiente e os propios Franco foron perpetrando desde o inicio da guerra no Pazo e arredor do Pazo coa finalidade de enriquecer a Franco e gañar o favor do líder golpista.

 

Manuel-Pérez-y-Carlos-Babío-este-sábado-ante-las-Torre-de-Meirás-1-1024x682Por iso Babío lles resulta moi molesto aos herdeiros do ditador, porque a partir das investigacións de Babío, condensadas no libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio en coautoría con Manuel Pérez Lorenzo, tanto a Deputación da Coruña como o Parlamento de Galiza abriron dúas investigacións que remataron en sendos informes solicitando ao Estado español que interveña no espolio pola vía xudicial para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.

 

Carlos Babío converteuse no albo dos Franco porque o seu traballo contén as probas de como os Franco obtiveron eses bens de forma ilícita, de como a veciñanza de toda a provincia da Coruña se viu obrigada a pagar ás autoridades xurdidas do golpe do 36 para mercar o Pazo e arranxalo e amplialo e mantelo, e como ese espolio do público foi continuado no tempo a través do constante desvío de diñeiro do Estado cara o Pazo e para lucro persoal do ditador.

 

Carlos Babío ten ademais mostrado o seu apoio aos #19deMeirás, ese grupo de militantes nacionalistas que a finais de agosto de 2017 tomaron simbolicamente o Pazo de Meirás por unhas horas para denunciar a perpetuación do espolio e máis tarde foron demandados pola Fundación Franco. Babío foi a inspiración dos #19deMeirás.

 

Carlos Babío é un referente moral e intelectual da loita pola recuperación da memoria histórica en todo o Estado español, un investigador rigoroso ao que lle prestan atención en todos os foros democráticos do Estado, e cando os Franco teñan que deixar por fin Meirás, será recoñecido o seu mérito e importancia nesa loita en Galiza. Mentres, tócalle seguir pelexando pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do franquismo. Nesa pelexa non está só.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/quen-carlos-babio-franco-queren-ponelo-albo/20190219152330008179.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal