Imprimir

Propomos un paquete de medidas sociais e reformas legais para enfrontarmos as secuelas económicas do coronavirus

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 18 de marzo de 2020

Un momento da xunta
Un momento da xunta
O voceiro do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, participou na mañá deste mércores nunha reunión da Xunta de Portavoces que con carácter monográfico abordou a crise do coronavirus. Na xunta, que se prolongou por espazo de hora e media, acordouse que este órgano se reuniría periodicamente para os distintos grupos municipais recibiren información do Goberno Local e poderen así facer achegas e propostas. A próxima reunión ficou axendada para o próximo luns ás 10.30 horas.

No transcurso da xunta, o BNG partillou co resto de grupos municipais unha serie de preocupacións e suxestións. Así, remarcou Jorquera a necesidade de asegurar equipos de protección individual a todo o persoal do Concello con exposición ao público, ben como o imprescindíbel reforzo de servizos como o 010, a atención ao domicilio e as bolsas comedor para nenas e nenos.

Ao mesmo tempo, o portavoz nacionalista defendeu que se encetase o estudo dun paquete de medidas para, desde o ámbito competencial do Concello, enfrontar as secuelas sociais e económicas que xa se están a derivar da crise do coronavirus. Medidas que vaian dirixidas a favorecer a reactivación económica para mitigar o impacto desta emerxencia sanitaria.
  
Nese sentido, o BNG considera que nun contexto como este é máis necesario que nunca reformar a lexislación estatal no que atinxe a regras de gasto, capacidade de endebedamento e limitación a contratación de persoal das admistracións locais. "Fáganse as reformas lexislativas precisas para que desde os concellos se poda activar un plano ambicioso e facer fronte así ás consecuencias económicas e sociais desta emerxencia sanitaria", indicou Jorquera.

En todo caso, salientou o portavoz nacionalista que "a actitude do Bloque vai ser sempre de cooperación, de colaboración e de lealdade co Goberno Local, poñendo sempre a protección da saúde pública por enriba de calquera outra consideración. Esa é a actitude que estamos a manter e desde logo a que manteremos até o final".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/propomos-paquete-medidas-sociais-reformas-legais-enfrontarmos-secuelas-economicas-do-coronavirus/20200318134544008528.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal