O primeiro pleno desde que se decretou o Estado de Alarma aproba as tres mocións do BNG

Foto
Luz verde do Pleno do Concello ás tres mocións do BNG que se someteron a debate este xoves, na primeira das sesións plenarias que se realizan en María Pita desde que se decretou o Estado de Alarma. As iniciativas tiñan como argumentos a elaboración dun plan galego de reactivación económica, a repartición controlada e segura de máscaras e luvas e a situación criada após a venda especulativa de Alu Ibérica por parte de Parter Capital ao Grupo Riesgo.
O primeiro pleno desde que se decretou o Estado de Alarma aproba as tres mocións do BNG

A moción sobre o plan galego de reactivación económica obtivo o apoio de todos os grupos municipais. A proposta sobre a distribución de máscaras e luvas foi votada afirmativamente por PSdeG, Marea e Cs e en contra polo grupo municipal do PP. E, por último, a iniciativa en relación á venda de Alu Ibérica saíu adiante por unanimidade. 

A primeira das mocións do BNG defendeuna o portavoz do grupo municipal nacionalista, Francisco Jorquera, e puña o foco na necesidade de dar un apoio político desde a Corporación á necesaria elaboración, por parte da Xunta da Galiza, dun plan galego de reactivación económica, con especial destaque para a protección de autónomos e pemes.

Argumentou Jorquera que a crise da COVID-19 déixanos xa dúas ensinanzas. A primeira, a da importancia de ter “uns servizos públicos robustos e eficaces”. A segunda, a de que o mercado non é quen nin de “nos protexer dos virus” nin de nos defender “das consecuencias sociais e económicas provocadas pola pandemia”.

“Só unha intervención pública potente e decidida pode evitar que a crise sanitaria que estamos vivindo desemboque nun grave e longo afundimento económico e social”, acrecentou.

FJ 2

Nesa intervención pública teñen que xogar o seu rol os concellos e para iso é fundamental remover determinados corsés lexislativos, entre eles a chamada Lei Montero, “que restrinxe a autonomía local ao dificultar o uso dos recursos para afortalar servizos e mellorar a capacidade de contratación e investimento das administracións locais”, apuntou o portavoz nacionalista.

A autonomía local tamén estaría ameazada polo amago do Ministerio de Facenda de se facer co control dos fondos municipais, o que levou a Jorquera a proclamar que “nin Lei Montoro nin Plan Montero”.

Dado o reparto competencial, o portavoz do BNG propuxo que o Pleno se dirixise á Xunta de Galiza para lle pedir que poña en marcha un plan galego de reactivación económica. “Quero lembrar que as competencias en industria, comercio, agro, pesca, turismo, cultura, políticas activas de emprego e un longo etc, están residenciadas sobre todo na Xunta”, remarcou. “Autogobernarse significa autorresponsabilizarse. Exercer as competencias que temos atribuídas”, concluíu.

Moción para a repartición de máscaras e luvas

Avia Veira responsabilizouse da defensa da segunda das mocións do BNG neste pleno, a que tiña como obxectivo instar o Goberno Local a que reclamase da Xunta a posta en marcha dun sistema para o establecimento dun sistema de repartición obxectiva e controlada de elementos de protección como máscaras ou luvas.
Nestes momentos a distribución destes elementos de protección é “ineficaz” na maior parte dos concellos galegos, nomeadamente pola inexistencia na práctica dunha rede de transporte público que sexa utilizada polas traballadoras e traballadores como medio de desprazamento.

Avia3A Administración competente para garantir que a repartición sexa ordenada e asegure a protección das persoas en situación de maior risco é a Xunta, que, enfatizou Avia Veira, ten que asumir as súas responsabilidades.
“Debe artellarse un sistema de distribución obxectiva e controlada, sen caer en reparticións indiscriminadas, dado que neste momento non existe material suficiente dispoñíbel para garantir o acceso universal da poboación e debe priorizarse a necesidade obxectiva do mesmo”, alegou a concelleira nacionalista.

Moción sobre a venda de Alu Ibérica

A terceira e última das mocións expúxoa no salón de plenos o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, e xirou arredor da recente venda da planta coruñesa de Alu Ibérica por parte de Parter Capital ao Grupo Riesgo, unha operación que encheu de inquietude o cadro de persoal da empresa.

“Que se produza esta revenda tan só 8 meses despois da adquisición por Parter Capital evidencia que este fondo suízo o único que pretendía era especular con este activo”, comezou por dicir Jorquera, quen a seguir remarcou que “os traballadores denuncian que en ningún momento foron informados”.

Pero é que hai máis, salientou Jorquera: pairan as dúbidas e os interrogantes “sobre a solvencia e a praxe empresarial dos novos compradores”, situación que leva o BNG a pedir que o Ministerio de Industria e a Consellaría do ramo da Xunta, no uso das súas competencias, investiguen esta operación, sobre todo tendo en conta que esta foi tutelada polo Estado e contou co visto bon do Goberno Feixóo.

Alén de investigar as condicións da venda, Jorquera instou o Goberno do Estado a que se articule unha solución definitiva para a industria electro-intensiva e, canto ao futuro da planta, propuxo que se poñan sobre a mesa todas as opcións, desde a procura dun novo comprador até a da incorporación da factoría ao sector público.

“A Coruña non pode permitirse que se continúe a desmantelar a súa industria e menos na situación actual. Por esta razón pedimos o voto favorábel a esta moción”, concluíu Jorquera.
 


 

O primeiro pleno desde que se decretou o Estado de Alarma aproba as tres mocións do BNG