Presentación do libro “O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro”

20160906_201221
Momento da presentación do libro con María Xosé Bravo, Manolo Monge e Francisco Jorquera en primeiro termo

Baixo título “O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro”, o noso compañeiro Manolo Monge presentou no noso local comarcal o martes 6 de setembro o seu último libro publicado en edicións Laiovento, e na que contou coa introdución de Francisco Jorquera e María Xosé Bravo, candidatos nas eleccións ao Parlamento de Galiza 2016.

Un dos mometos do acto que ao final abriu un debate entre as compañeiras e compañeiros asistentes

Presentación do libro “O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro”

O noso local comarcal do BNG acolleu no serán do martes 6 de setembro a presentación do libro do noso compañeiro Manuel Monge “O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro”.

O que foi Concelleiro do BNG na Coruña entre 2003 e 2007 e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica até 2011, e que na actualidade é secretario do club de opinión Foro Cívico e colaborador con artigos de opinión en diversos medios de comunicación, falounos do seu último libro da serie que vén publicando desde o ano 2014 centrados no análise político na Galiza.

A presentación do libro do exedil do BNG no Concello da Coruña, contou coa participación de Francisco Jorquera e María Xosé Bravo, candidatos ao Parlamento de Galiza na vindeiras eleccións do 25 de setembro

Nesta presentación estivo acompañado por Francisco Jorquera, exportavoz do Grupo no Parlamento de Galiza, e que pecha a lista pola circunscrición da Coruña nas vindeiras eleccións ao propio Parlamento de Galiza, e María Xosé Bravo, candidata pola mesma circunscrición nas eleccións que se celebrarán o 25 de setembro.

Francisco Jorquera sinalou, na súa intervención, non só a necesidade de “botar con b” a Feijóo da Xunta, se non ademais de aplicar políticas diametralmente opostas as que se executaron na Galiza nestes últimos sete anos. “Durante todos estes anos Galiza sufriu un empeoramento obxectivo froito das políticas aplicadas por Feijóo, sempre máis preocupado no salto a Madrid que no benestar da maioría social do país”, afirmou durante a súa intrvención.

Pola súa banda, María Xosé Bravo centrouse na súa quenda en sinalar que o BNG sempre demostrou, alí onde tiña representación, que era garantía de que o Partido Popular, se non obtiña a maioría absoluta, non gobernaba, e advertiu que nestas eleccións o BNG vai ser chave para que se produza o cambio de goberno e de políticas, asemade de non ser unha forza tutelada ou dirixida desde outro lugar que non sexa a propia sociedade galega. “O BNG non ten padriños, nin está suxeito a acordos que veñan de Madrid, ou de calquera outro lugar que non sexa a propia Galiza. Nós temos claro a quen servimos: a sociedade galega”, destacou nesta intervención a nosa candidata.

No libro faise balance do que o propio autor cualifica “desgoberno” de Feijóo, onde todos os indicadores económicos e sociais amosan un retroceso evidente a respecto do goberno bipartito

Xa, finalmente, Manolo Monge, no seu discurso, fixo unha escolma pormenorizada do libro e sinalou que no primeiro trimestre de 2009, co goberno bipartito, Galiza tiña 162.700 persoas desempregadas, cunha taxa de paro do 12,22%, e acabou 2015 con 222.700 parados e unha taxa do 17,74%; nese mesmo período, a débeda pública de Galiza pasaba de 3.923 millóns de euros a 10.375 millóns, e Galiza perdía máis de 18.000 millóns de euros na súa capacidade de gasto, pasando de 11.793 millóns de euros en 2009 a 8.873 millóns en 2016.

“Galiza recada cada ano 3.000 millóns de euros máis do que despois inviste o Estado na nosa nación. Perdemos 8.464 millóns de euros dende a entrada en vigor do sistema de financiamento autonómico en 2009. E Feijóo calou”, tamén denunciou Manolo Monge.

Por outra banda, o noso compañeiro destacou o retroceso no Estado de Benestar, cun recorte de 237 millóns de euros no orzamento de Sanidade (un 18%), o proceso de privatización da sanidade pública coa supresión de máis de 3.000 postos de traballo, o recorte de 256 millóns de euros no orzamento de Educación desde 2009, coa perda de máis de 2.000 ensinantes, ou as máis de 23.600 persoas dependentes, que seguen esperando por unha prestación, ou as 465.852 persoas (o 16,14% da poboación) viven na Galiza por debaixo do limiar da pobreza.

Xa por último, Manolo Monge denunciou o desmantelamento neste anos do sistema financeiro galego coa venda das caixas fusionadas a prezo de saldo a un banco venezolano, a perda do Banco Pastor e a fuxida do propio aforro galego ao exterior. “Existe un abandono de sectores estratéxicos da nosa economía onde por exemplo seguimos sen un prezo digno para o leite no sector gandeiro; ou a paralización da construción naval, por moitas promesas que se fagan como a de hoxe con empresas como PEMEX que na Galiza son pantasmas xa que logo nunca as vimos; a cada vez máis minguada flota de barcos de pesca e a perda de caladoiros; ou a nefasta política forestal que ten o seu máximo exemplo na prorroga a concesión a Ence na ría de Pontevedra até 2073”, concluíu Manolo Monge.

A Coruña, 6 de setembro de 2016

Presentación do libro “O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro”