O PP tomba todas as reclamacións do BNG ás ordenanzas fiscais de 2014

O PP tomba todas as reclamacións do BNG ás ordenanzas fiscais de 2014

A Coruña, 23 de decembro de 2013.- O Partido Popular botou abaixo todas e cada unha das reclamacións presentadas polas nacionalistas á modificación das ordenanzas fiscais de 2014, unhas ordenanzas que foron aprobadas co voto contrario do BNG. Nas súas reclamacións, baseadas no criterio de xustiza social, o Bloque esixía que o pobo non pague por servizos polos que antes non tiña que pagar ou polos que pagaba menos (caso das ordenanzas relativas a cemiterios municipais, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres; ás licenzas e autorizacións administrativas de servizos urbanos de transporte; á prestación de servizos en instalacións deportivas ou a que lle afecta aos vendedores ambulantes), que as persoas contribuíntes paguen en función da súa capacidade económica (caso do IBI e do imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica) e que o pobo pague polo servizo realmente recibido (caso da ordenanza do lixo).

O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, fixo fincapé, na súa intervención, na ordenanza que impón unha taxa por decomisos, o que denominou como “un imposto á pobreza”. Sinalou que esta taxa aprobada polo PP e que prexudica os vendedores ambulantes, nomeadamente ao colectivo de inmigrantes, é ilegal, pois a lei galega de comercio interior, Lei 13/2010, estabelece que a incautación da mercadoría ten que estar integrada no marco dun proceso sancionador. En consecuencia, apuntou, non pode operar como un tipo de taxa por un depósito que non ten cobertura normativa.

A continuación, o portavoz nacionalista puxo en evidencia as contradicións do Partido Popular, que nun primeiro momento sinalou que a taxa por decomiso tiña como finalidade financiar os supostos custos do traslado e depósito dos decomisos e que, finalmente, recoñeceu que a taxa ten unha finalidade sancionadora.

Tamén aludiu Carril ás máis de 300 reclamacións presentadas polo BNG á ordenanza fiscal nº 6, reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos, co fin de que as persoas contribuíntes pagasen polo que realmente se recicla na planta de Nostián. O portavoz nacionalista puxo de manifesto que, para tombar as reclamacións do BNG, o Goberno do Sr. Negreira se apoiou nun informe municipal que asegura que a porcentaxe de lixo que se trata na planta de Nostián é do 100%, cando o propio Goberno ten declarado publicamente que o volume de reciclaxe de Nostián se atopa no 56%, unha porcentaxe que se coñecerá, apuntou, cando o PP permita o acceso ás auditorías da planta.

Lembrou o nacionalista que a prestación do servizo de tratamento de lixo e dos residuos urbanos non se está a cumprir nas condicións fixadas na concesión administrativa do servizo público de xestión da planta e que a cidadanía está a pagar unha taxa pola prestación dun servizo que non se está a cumprir nas condicións legalmente estabelecidas. Así, Carril salientou que, ao desestimar as máis de 300 reclamacións do BNG á ordenanza que regula o lixo, o PP oponse a que as persoas paguen en correspondencia co servizo recibido.

O PP rexeita aclarar na ordenanza fiscal do IBI que inmóbeis serían susceptíbeis de estaren exentos deste imposto

O Partido Popular tamén botou abaixo o voto particular do BNG ao ditame da Comisión informativa de Facenda e Administración pública obre a aprobación definitiva da modificación das ordenanzas fiscais, co fin de que se precisasen, na ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles (IBI), as condicións e o procedemento de exención do pago deste imposto nos edificios con antigüidade de 50 anos ou máis incorporados no catálogo cun nivel de protección integral.

O PP tomba todas as reclamacións do BNG ás ordenanzas fiscais de 2014