JORQUERA SOBRE A FICHAXE DA EX TITULAR DE MEDIO AMBIENTE POR UNHA EMPRESA DO MESMO ÁMBITO

"Parece como se Bea Mato tivese utilizado o Concello para tentar evitar unha imaxe de porta xiratoria"

BNG A CORUÑA
Jorquera, durante unha charla

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quere avaliar a noticia da fichaxe da ex conselleria de Medio Ambiente e ex portavoz do PP no Concello, Bea Mato, pola empresa Greenalia.

"Parece como se Bea Mato tivese utilizado o Concello para tentar evitar unha imaxe de porta xiratoria"

"Parécenos moi pouco presentábel que a ex conselleira de Medio Ambiente fiche por unha empresa do mesmo sector e que opera nun ámbito sobre o cal ela tomou decisións políticas até moi recentemente. Unha compañía, aínda por riba, que ten un proxecto empresarial que en boa parte depende de decisións políticas que se teñen que tomar desde a Xunta de Galiza", afirma Jorquera, quen  avanza que o BNG vai investigar se a ex conselleira incorre ou non nun dos supostos de incompatibilidades previstos pola lei.

Ao voceiro nacionalista prodúcelle certa "perplexidade" o movemento da ex conselleira. "No seu momento, cando anunciou a súa marcha do Concello, desexeille a mellor das sortes na súa andaina persoal e profesional a Bea Mato. Mais en política non abonda con ser unha persoa honrada, tamén hai que parecelo. É como se tivese utilizado o Concello da Coruña como estación intermedia para evitar unha imaxe de porta xiratoria, para evitar o escándalo de pasar directamente da Consellaría de Medio Ambiente a unha empresa do mesmo ámbito".

Jorquera sinala que non se trata dunha empresa calquera, senón dunha firma que "aposta por un modelo medio-ambiental moi criticábel". "A planta de biomasa forestal que vai implantar en Teixeiro vai profundar na política de eucaliptización do país, vaise alimentar de máis eucaliptos. Ademais diso, falamos dunha compañía que opta á concesión de parques eólicos en zonas medio-ambientalmente moi sensíbeis e nas que mesmo existen valiosos restos arqueolóxicos".

 

"Parece como se Bea Mato tivese utilizado o Concello para tentar evitar unha imaxe de porta xiratoria"