Imprimir

O BNG leva a compra de Alu Ibérica polo Grupo Riesgo ao pleno do Concello, ao Parlamento galego e ao Congreso

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 07 de maio de 2020

Mobilización de traballadores de Alcoa.
Mobilización de traballadores de Alcoa.
A compra de Alu Ibérica, a antiga Alcoa, polo Grupo Riesgo vai ser levada ao Pleno do Concello da Coruña, que vai ter lugar o xoves 14 de maio, a medio dunha mocion que será defendida polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.  O BNG vai completar a súa batería de iniciativas sobre o asunto ao trasladalo tamén á Deputación Permanente do Parlamento galego e ao Congreso dos Deputados.

Dadas as dúbidas que existen sobre a solvencia e a praxe empresarial do Grupo Riesgo, o BNG comparte a inquietude mostrada polo comité de empresa da planta coruñesa Alu Ibérica perante unha operación que en absoluto garante nin o necesario plano industrial que lle dea viabilidade á factoría nin a continuidade dos postos de traballo.

A falta de transparencia está a marcar, polo demais, o desembarco do Grupo Riesgo na empresa. Tanto é así que, segundo algunhas informacións, Alcoa non recoñece a legalidade da operación de compra-venda entre Parter Capital e Riesgo, o que proxecta interrogantes sobre se a antiga dona mantén ou non os compromisos coa factoría aos que chegou en xullo de 2019.

"Parécenos escandaloso que se produza esta operación de venda só 8 meses despois de Parter Capital asinar a compra da empresa. É unha proba evidente de que a súa intención era puramente especulativa e que, por tanto, non tiña un verdadeiro interese en cumprir co seu plano industrial", valora Francisco Jorquera, para quen a venda da planta coruñesa "pon en dúbida o labor desenvolvido tanto polo Ministerio de Industria como pola Consellaría de Industria da Xunta" como organismos públicos encargados "de tutelar este proceso".

Na moción, que se achega, o BNG demanda do Goberno central e da Xunta que se investigueN as condicións en que se realizou a venda e que non se avale ningunha operación que non asegure a continuidade da actividade industrial e o mantimento do emprego. "Imos demandar tamén que se estuden cantas alternativas sexan necesarias para asegurar a pervivencia dun sector industrial que é estratéxico para a cidade e a comarca", avanzou Jorquera. Entre esas alternativas o portavoz nacionalista manexaría tamén o escenario da incorporación da planta  "ao sector público". "A Coruña non se pode permitir o luxo de seguir avanzando no proceso de desmantelamento do seu tecido industrial. Por iso pensamos que é necesaria unha toma de posición clara e rotunda por parte da Corporación municipal da Coruña", conclúe.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/o-bng-leva/20200507124550008558.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal