INICIATIVA DE AVIA VEIRA NO PLENO DESTE XOVES 5N

Unha moción para recuperar o MAC, crear o Consello Municipal da Cultura e un espazo para creadoras na Cidade das TIC

Museo de Arte Contemporánea da Coruña
Un aspecto do MAC
A cultura, duramente castigada pola pandemia, xa non está “en fase de resistencia, senón de supervivencia”. Esta frase de Avia Veira explica ben por que razón o BNG leva unha moción para o impulso da Coruña como cidade creativa ao Pleno ordinario que se vai desenvolver no Concello este xoves 5 de novembro.
Unha moción para recuperar o MAC, crear o Consello Municipal da Cultura e un espazo para creadoras na Cidade das TIC

A causa da pandemia, a maior parte das empresas culturais, por volta de 53,8%, non poden neste momento desenvolver a súa actividade, segundo datos do Consello da Cultura Galega. Perto do 40% do tecido empresarial deste sector viu como se reducía a súa facturación nun 75%.

Ante esta situación tórnase máis urxente que nunca o compromiso das institucións públicas. “Está en xogo o futuro de empresas e microempresas”, advirte Avia Veira, quen salienta que a cultura é un dereito e un ben de primeira necesidade. “Rescatounos durante o confinamento, axudounos a o sobrelevar”, subliña. “Ten efectos sobre a autoestima e afonda no sentido da identidade e da pertenza”, remarca.

É por isto que o BNG formula unha moción con propostas concretas para impulsar o sector nun momento particularmente crítico. “Precisamos de políticas culturais que foxan da rutina, ambiciosas, que promovan quer o tecido cultural de base quer o sector profesionalizado”, afirma Veira.

"A cultura rescatounos durante o confinamento, axudounos a o sobrelevar. Ten efectos sobre a autoestima e afonda no sentido da identidade e da pertenza"

Propostas concretas como a recuperación do proxecto do Museo de Arte Contemporánea, da Fundación Naturgy, o emprazamento na Cidade das TIC  dun espazo para creadoras e creadores e a posta en marcha dun Consello Municipal da Cultura.

O BNG insta tamén o Goberno Local a que deseñe unha liña de axudas económicas destinadas ás creadoras da cidade, das diferentes disciplinas artísticas, co compromiso por parte destas de abriren os seus espazos de creación –estudos, lugares de ensaio..- para neles levaren a cabo unha programación anual aberta ao público.

Sería preciso tamén, demanda Avia Veira nesta moción, que se deseñe un regulamento para as infraestruturas culturais públicas da cidade onde figure unha distribución do tipo de exposicións, pezas ou obras que se poden mostrar ou representar en cada unha delas. No mesmo sentido, tería que se regular o acceso das distintas creadoras e entidades culturais a eses equipamentos públicos.

Canto ao Consello Municipal da Cultura, o BNG concíbeo como un “organismo de participación cidadá no que o tecido cultural poida dialogar e facer propostas directamente ao Goberno Local e ao que este lle poida consultar as bases das súas políticas”.

A respecto do espazo para as creadoras na Cidade das TIC, tería que se negociar coa Universidade da Coruña e o propósito básico sería a exhibición ao público de pezas artísticas vencelladas ás tecnoloxías da información e a comunicación.

E finalmente sobre a recuperación do Museo da Arte Contemporánea, o BNG o que fai é instar quer o Goberno local quer a Xunta a que restitúan un proxecto que tamén incluía bolsas de creación, un programa de residencias artísticas, a convocatoria competitiva de carácter bienal, o proxecto didáctico e de divulgación artística, a programación expositiva e a colección.

 

Unha moción para recuperar o MAC, crear o Consello Municipal da Cultura e un espazo para creadoras na Cidade das TIC