Mobilidade, inclusión e vivenda no Pleno de xaneiro

Momento dun de bate nun Pleno

Levamos ao Pleno propostas sobre aparcamentos disuasorios, un plano de inclusión social e a promoción de vivenda pública.

Mobilidade, inclusión e vivenda no Pleno de xaneiro

O noso Grupo Municipal levará ao Pleno ordinario de xaneiro, que se celebra este vindeiro luns día 14, o debate a respecto dos aparcamentos disuasorios, a elaboración e desenvolvemento dun Plano de Inclusión Social e a promoción de vivenda pública no Concello da Coruña.

Deste xeito, a través de sendas preguntas para a súa resposta oral, queremos que o Goberno municipal aclare tres aspectos das principais áreas que máis expectativas xeraron durante a campaña electoral e no comezo do mandato, como son a mobilidade, a inclusión social e a vivenda. Asemade, coa situación actual, de prórroga dos orzamentos de 2018, e sen aprobar os propios para 2019, consideramos que existe unha seria incerteza nestas áreas, consumando un mandato no que finalmente non se implementarán as políticas transformadoras que se prometían.

 

Os aparcamentos disuasorios

A respecto da mobilidade, queremos explicacións do por que, sendo a mobilidade un dos principais problemas que ten hoxe en día a cidade, non se formulou a posibilidade da construción de aparcamentos disuasorios co obxecto de reducir o numero de coches que circulan na cidade.

Entendemos que habilitar espazos onde os condutores puideran estacionar, espazos ben comunicados e dotados do servizo de transporte colectivo que os comunicara eficazmente co centro da cidade e cos polígonos e cos principais centros de traballo significaría reducir de xeito significado o volume de tráfico e de vehículos privados. Lembramos que a única actuación en mobilidade neste mandato foi a implementación do carril bici, actuación que non contou co consenso das entidades que encabezaron durante anos o movemento para a humanización da circulación na cidade, e non significou que o volume de vehículos existente minguara ou se reducira.

 

O Plano de Inclusión Social

Para nós chegar aos últimos meses de mandato coa ausencia dun Plan de Inclusión Social elaborado e en desenvolvemento é a evidencia máis fragrante da ausencia de xestión do Goberno municipal e nomeadamente da Área de Xustiza Social.

Foron reiteradas as veces, tanto no Pleno como na propia Comisión de Xustiza Social, nas que reclamamos a elaboración deste Plano, argumentando sempre o Executivo Local que era un obxectivo prioritario e que se estaba traballando nesta elaboración.

Malia que a propia Silvia Camean avanzaba no Pleno municipal celebrado o 11 de febreiro de 2016 que seria a propia Área a que elaboraría o Plano e que querían facer as cousas con seriedade e con rigor, realizando, en primeiro lugar, unha diagnose da situación, o certo é que finalmente remataremos o mandato sen que exista e, o que é peor a esta altura, ao estar os orzamentos prorrogados, sen saber que investimentos se dedicarán á inclusión social. A renuncia a esta medida do seu programa electoral é evidente e inxustificábel.

 

A promoción de vivenda pública

Finalmente, trasladamos, como último debate, a xestión da promoción de vivenda pública, xa que logo, segundo as nacionalistas, a propia Marea Atlántica incluía no seu programa “99 medidas para o 99%” a proposta da elaboración dun plan de fomento do dereito á vivenda e fomento da vivenda pública, a través da EMVSA, algo que a día de hoxe está demostrado que non se fixo e que non existe ningún proxecto de facer nestes xa poucos meses que quedan para o remate do mandato.

A menos de cinco meses para que remate o mandato, as expectativas da Marea Atlántica en materia de mobilidade, de inclusión social e de promoción de vivenda xeradas por este Goberno municipal só poden cualificarse como de incumpridas; por tanto non é casual que escolleramos estas tres áreas para facer as nosas preguntas.

A Coruña, 11 de xaneiro de 2019.

Mobilidade, inclusión e vivenda no Pleno de xaneiro