Imprimir

Mato, a "pichichi" da liga de campións do desemprego e da emigración da mocidade

Bloque Nacionalista Galego da Coruña | 23 de setembro de 2012

A Coruña, 23 de setembro de 2012.- O membro da candidatura do BNG ao Parlamento galego e portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río, participou esta mañá nun reparto de material informativo sobre o 30º aniversario da formación nacionalista na feira de Miño. En declaracións aos medios, Del Río cualificou de “insulto a todos os galegos e galegas” os eloxios do Sr. Feijóo cara a Beatriz Mato. “A cara dura de loar o nefasto papel de Mato fronte á Consellaría de Traballo e Benestar só responde ao máis vil desprezo ás máis de 275.000 persoas desempregadas, aos máis de 20.000 traballadores e traballadores afectados por un ERE e aos máis de 600.000 galegos e galegas por debaixo do limiar da pobreza”, apuntou.

Á vista destes datos, o candidato do BNG sinalou que Mato “sería a pichichi na Liga de Campións do desemprego e da emigración da mocidade, a culpábel dos ERE que están a converter as nosas comarcas nun deserto industrial”. Citou, entre outros, o caso de Mafecco, Caramelo, Industrias Caamaño, Atento, Emesa, Emesa Trefilería ou Bunge Ibérica. Tamén advertiu de que Mato é a primeira responsábel do desmantelamento dos servizos sociais públicos e de que 50.000 dependentes estean á espera de recibir a prestación á que teñen dereito. “Pero a Feijóo tanto lle dan as persoas que están a pasar penurias cada día, por iso premiou a incompetente Beatriz Mato co número 1 pola provincia da Coruña”, engadiu.

Impulso dos sectores estratéxicos

Fronte á nefasta política do PP, que despreza os nosos sectores produtivos e que aplaude os abusos da patronal, Del Río apostou por crear emprego e combater a precariedade a través da defensa dos dereitos dos e das traballadoras, reforzando o papel da iniciativa pública e promovendo políticas que impulsen sectores estratéxicos -hostalaría, comercio, pesca, produción de enerxía, produción de alimentos de calidade, construción naval, industria leiteira ou o téxtil, entre outros. “Instrumentos como a banca pública ou unha reforma fiscal progresiva asegurarán os recursos para crearmos postos de traballo dignos na nosa comarca”, expuxo.

Ademais, puxo de manifesto que o BNG “traballará desde Galiza pola derrogación das reformas laborais aprobadas en 2010 e 2012, pulando pola restauración das conquistas e dereitos laborais retallados nas sucesivas modificación do réxime das relacións laborais”. Tamén propuxo un marco de relacións laborais normalizado e equilibrado, asentado no principio de acabar coas contratación precarias.

Outra das propostas de emprego que Del Río subliñou ten a ver coa redución da taxa de temporalidade, tanto no sector privado como no público, eliminando os efectos perversos da alta rotación no emprego na comarca e no país.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/outras-novas/mato-pichichi-da-liga-campions-do-desemprego-da-emigracion-da-mocidade/20120923122151003545.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal