O PLENO APROBA POR UNANIMIDADE UN TEXTO SOBRE OS INVESTIMENTOS DO ESTADO NA CIDADE

Jorquera pon ao descuberto no Pleno o duplo xogo do PP en función de se é goberno ou oposición

IMG_20200313_110158
Jorquera e Veira
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, reprochou ao PP que practique o duplo xogo de aparecer como un partido reivindicativo dos intereses da Galiza e da Coruña cando é oposición en Madrid e, en troca, comportarse como unha formación submisa co Goberno do Estado cando o seu líder estatal mora no Palacio da Moncloa.
Jorquera pon ao descuberto no Pleno o duplo xogo do PP en función de se é goberno ou oposición

“O problema é que o seu discurso é un discurso de quita e pon. Un discurso de quita e pon en función de se falan aquí ou falan en Madrid. Un discurso de quita e pon en función de se gobernan no Estado ou están na oposición”, espetoulle Jorquera ao grupo municipal do PP durante o pleno extraordinario convocado a petición deste partido para conformar un acordo da Corporación sobre os compromisos e investimentos pendentes do Goberno do Estado na cidade da Coruña.

O BNG votou a favor do texto do PP sometido a debate -que finalmente foi aprobada por unanimidade- porque, dixo o portavoz nacionalista, “coincidimos, con pequenos matices, coas propostas incluídas na parte resolutiva” e iso, remarcou, a pesar de que “vostedes non teñen credibilidade para se presentaren agora como campións das reivindicacións perante o Goberno central”.

E non a teñen, explicou Jorquera, porque durante os sete anos e medio dos sucesivos gobernos presididos por Mariano Rajoy o PP non se lembrou “nin da rexeneración da Ría do Burgo, nin da modernización das liñas ferroviarias que nos unen con Ferrol e Lugo nin do acceso por camiños de ferro ao Porto Exterior”. Boa proba de que nesa época o perfil do PP galego e coruñés era o dunha formación entregada aos ditados de Madrid témolo no feito, argumentou o voceiro nacionalista, de que o último dos orzamentos feitos polo Goberno Rajoy, o de 2018, aínda en vigor por ter sido prorrogado, minguaba o investimento no noso país até o situar por vez primeira en moitos anos por debaixo do limiar dos 1.000 millóns de euros. Mágoa que naquela altura o PP non defendía “nin a condonación da débeda do porto exterior nin unha solución ás industrias electrointensivas”.

Emendas ao texto do PP

Jorquera acompañou o anuncio do voto favorábel ao texto do PP coa defensa dunha emenda á iniciativa conservadora. Mais a emenda non puido ser tramitada, nin a do BNG nin a da Marea, por criterio do secretario do Concello. En todo caso, o portavoz nacionalista defendeu igualmente o seu contido. Tratábase de engadir tres puntos. O primeiro, a demanda da transferencia da AP9. O segundo, o estudo de compensacións tarifarias ás comunidades excedentarias na produción de enerxía eléctrica, entre as que destaca a Galiza. O terceiro, a demanda da devolución ou cesión gratuíta dos terreos e instalacións de titularidade estatal actualmente en desuso ou infrautilizados. Unha reclamación “debatida en múltiples ocasións neste pleno e sobre os que xa houbo acordos da Corporación”, salientou o voceiro nacionalista.

O texto do PP sometido a debate bebía basicamente dunha fonte, a do acordo de investidura subscrito en Madrid entre o BNG e o PSOE, subliñou Jorquera. Cunha ausencia, iso si, significativa, a da aprobación da proposición de lei do Parlamento da Galiza para a transferencia da AP9. “Quizá o motivo do esquecemento é que en Madrid, no seu momento, o Goberno Rajoy vetou a tramitación desa proposición. Ou se cadra a razón é que a Presidencia de Núñez Feixóo vai rematar co extraordinario récord de non ter acadado unha soa transferencia para Galiza en once anos”, alegou o portavoz nacionalista.

O Acordo Plenario sobre os orzamentos da Xunta

Fixo notar tamén Jorquera a incongruencia de que o PP solicitase un pleno extraordinario sobre os investimentos do Estado na Coruña e, en troca, deixase ver no seu momento o seu desagrado por que a Corporación dedicase unha sesión plenaria a instar a Xunta a que atendese as demandas do Concello na tramitación dos orzamentos galegos para 2020.

E nese sentido Jorquera reprochou ao PP que no Pazo do Hórreo  o seu grupo parlamentar  -“incluídos as deputadas e deputados coruñeses”- votou contra as emendas en que se plasmaban a reclamación por parte do Pleno do Concello da Coruña dun mellor trato para a nosa cidade nos orzamentos da Xunta.

“Agora, en troca, o PP ten présa por que o Concello se pronuncie sobre os compromisos e investimentos pendentes do Goberno do Estado, pese a que non hai, aínda, un proxecto de Orzamentos”, denunciou Jorquera para pór ao descuberto o duplo xogo da formación conservadora na Coruña.

Jorquera pon ao descuberto no Pleno o duplo xogo do PP en función de se é goberno ou oposición