Imprimir

Jorquera propón unha rede de wifi gratuíta en toda a cidade para salvar a fenda dixital

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 13 de abril de 2020

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, propuxo este luns que o Goberno Local negocie con operadores de Internet para dotar a cidade de wifi gratuíto, a única forma de salvar a fenda dixital durante o confinamento.

A proposta fíxoa o voceiro nacionalista no curso da Xunta de Portavoces que se realizou esta mañá en María Pita e que tivo, máis unha vez, a crise da Covid-19 como asunto monográfico.

"A universalización da rede wifi é esencial para salvarmos a fenda dixital e para que efectivamente ninguén fique atrás, nomeadamente no acceso ao ensino", argumenta Francisco Jorquera.

Na mesma reunión o portavoz nacionalista propuxo que se estabeleza unha quita do 100 por 100 para os alugueres das vivendas municipais durante no mínimo 4 meses ao tempo que tamén pediu que estea todo pronto para, unha vez que se levante a suspensión de prazos, se axilice a tramitación de convenios e subvencións ás entidades sociais.

O sector cultural tamén preocupa o BNG, daí que Jorquera demandase que se garanta, con reprogramacións se fixer falta, a execución das partidas que se lle destinan nos orzamentos municipais para 2020 -contas que a formación nacionalista ontribuíu a conformar.

Por último, o Bloque instou o Goberno Local a que medie perante o Sergas e Aparcisa, empresa concesionaria, para restituír a gratuídade do aparcamento do CHUAC para o pesoal deste hospital público.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/jorquera-pide-rede-wifi-gratuita-toda-cidade-salvar-fenda-dixital/20200413131132008542.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal