"Cumpran co Acordo de Investidura e senten a negociar os orzamentos"

<i>Francisco Jorquera</i>
<i>Francisco Jorquera</i>
O Goberno Local ten que reconsiderar a súa decisión de prorrogar os orzamentos 2020, anunciada polo concelleiro de Facenda en resposta a unha pregunta oral formulada polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
"Cumpran co Acordo de Investidura e senten a negociar os orzamentos"

“Funcionar con orzamentos prorrogados é unha anomalía. É un síntoma de debilidade e de incapacidade de diálogo”, considera Jorquera. “Mais, sobre todo, funcionar con orzamentos prorrogados é malo para a cidade”, subliñou. É por iso que o portavoz nacionalista insta o Goberno Local a que reconsidere a súa decisión: “Rectifiquen. Cumpran co acordo de investidura. Presenten o seu borrador de orzamentos. E senten a negociar”.

Ao anunciar a prórroga das actuais contas do Concello, o Goberno Local renuncia “á principal ferramenta de que dispón” a cidade para facer fronte á situación de crise social e económica decorrente da covid-19, coida Jorquera.

“Para facer fronte á pandemia, é necesario incrementar o investimento público como medio para dinamizar a economía, xerar emprego e á vez afortalar as políticas sociais para loitar contra a exclusión e as desigualdades”, esténdese o voceiro do Bloque. Todo iso pasa por ter unhas novas contas. O argumento utilizado polo concelleiro de Facenda segundo o cal coa prórroga tamén hai dotación económica para atender esas necesidades non lle vale ao BNG porque “as necesidades son cambiantes”. “De feito, cando negociamos o PRESCO todos os grupos asumimos que podería ser necesaria unha nova modificación orzamentaria en virtude da evolución da situación e da avaliación do impacto real das medidas”, engade.

E canto á perspectiva de o Concello recibir menos recursos do Estado polo previsíbel descenso na recadación de figuras impositivas como o IVE e o IRPF, o BNG empraza o Goberno Local a que lle esixa ao Executivo estatal unha solución ao financiamento das administracións locais e “que derrogue dunha vez a Lei Montoro”.

Alén de todo isto, renunciar de entrada a negociar uns novos orzamentos constitúe “un incumprimento flagrante do Acordo de Investidura”, asinado por BNG e PSdeG en xuño de 2019, “e contradí a imaxe dialogante e capaz de construír consensos de que tanto presume o Goberno Municipal”, concluíu.

 

"Cumpran co Acordo de Investidura e senten a negociar os orzamentos"