Imprimir

Interpelada por Jorquera, Esther Fontán non desbota a intervención directa de Nostián

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 05 de decembro de 2019

Jorquera, durante o pleno
Jorquera, durante o pleno
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, instou a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, a que utilice todas as ferramentas legais ao seu alcance para resolver o conflito de Nostián, provocado por unha concesionaria que “chantaxea” o concello usando como reféns “o cadro de persoal e os concellos do Consorcio das Mariñas”.

Nunha pregunta oral, Jorquera remarcou que o prego de condicións da actual concesión faculta o concello a intervir a empresa concesionaria sempre que esta non cumpra coas súas obrigas ou incorra en infraccións graves. Nese suposto “pódese chegar a secuestrar a concesión, utilizando o mesmo material e o persoal adscrito á mesma”, dixo Jorquera.

“O concello pode designar un interventor técnico que substituirá total ou parcialmente os elementos directivos da empresa concesionaria. Referímonos a iso cando instamos o concello a que use todas as ferramentas legais ao seu alcance. Non abonda con sancións. É necesario ter man dura coa empresa, como reclaman os traballadores”, engadiu.

Na súa resposta, a concelleira aproveitou para facer o anuncio de que este mesmo xoves Medio Ambiente remitiu a Contratación o prego de condicións para o novo contrato de Nostián. “Ese era un argumento trampa, falso, por parte de Albada, á hora de rescindir o contrato e negarse á súa prórroga. Dicían que era unha situación sine die. Agora non é así. Xa hai unha data”, dixo en alusión a que xa comezaran os trámites para adxudicar o novo contrato

E respecto da petición do BNG de que se contemplasen todos os  escenarios, mesmo o da intervención directa da concesión por parte do concello, a concelleira deixou aberta a porta a esa posibilidade: “A este goberno non lle vai tremer a man á hora de chegar até os últimos recursos legais que nos permite esta situación e que vosté acaba de sinalar”.

A turbidez da auga nos barrios do Castrillón, Monelos e Os Castros

Jorquera inquiriu tamén a Fontán sobre as actuacións que ten previsto impulsar o Goberno Local para resolver o problema da turbidez que presenta a auga nos barrios do Castrillón, Monelos e Os Castros fundamentalmente, todos aqueles que dependen da estación de bombeo de Eirís.

"Xa solicitamos toda a información, a máis detallada posíbel, de Emalcsa", dixo a concelleira. "Comunícannos que xa está en vías de solucionar o problema da turbidez da auga nestas zonas".

Lembrou Jorquera que no pasado pleno ordinario de novembro se aprobara unha mudanza nas ordenanzas para recoñecer o dereito de acceso a auga potábel e saneamento como un dereito humano tal e como se contemplan nas resolucións de Nacións Unidas. "Parécenos moi ben. Por iso votamos a favor desa mudanza. Mais non deixa de ser un brinde ao sol se mentres tanto a veciñanza de Castrillón, Monelos e Os Castros, tamén Eiris, continúan a agardar por unha solución a un problema que sobarda con moito a calificación de episodios puntuais que lle adxudica Emalcsa".

"As incidencias rexístranse sobre todo sábados e domingos cando a auga sae máis marrón, con episodios que se teñen producido tamén en Monte Alto, Ventorrillo e Catro Camiños", relatou Jorquera, quen instou a concelleira a que sexa máis enérxica na fiscalización da xestión de Emalcsa.

"Emalcsa insiste en que a auga é salubre e potábel, mais o certo é que moitos veciños teñen que recorrer a mercar auga embotellada tanto para consumo humano como para poñer lavadoras", denunciou Jorquera, quen remarcou que a situación non só afecta a vida doméstica, senón que tamén prexudica negocios de hostelaría ou salóns de peiteado. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/interpelada-jorquera-esther-fontan-non-desbota-intervencion-directa-nostian/20191205205403008373.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal